A secretaria xeral de Emprego explicou hoxe en Nigrán os obxectivos da folla de ruta
A nova estratexia de seguridade laboral da Xunta inclúe 163 medidas para reducir os accidentes e consolidar a cultura preventiva

Covadonga Toca sinala na inauguración das novas instalacións da empresa GTG Ingenieros que a planificación 2017-2020 inclúe 6 obxectivos estratéxicos froito do consenso cos interlocutores sociais

Explica que o documento promoverá como novidade que os pregos de condicións para contratar coa Administración contemplen compromisos vinculados á seguridade e saúde laboral

O Goberno galego reforzará a especial atención que xa presta a colectivos específicos como mulleres embarazadas ou en período de lactación, traballadores de idade avanzada, autónomos, empregados temporais, con pouca experiencia laboral e persoas con capacidades diferentes

Crearase unha comisión técnica para estudar os riscos emerxentes como o caso das actividades relacionadas coas novas tecnoloxías ou a nanotecnoloxía

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral pon en valor en Vigo esta folla de ruta e o impulso da Xunta ao emprego xuvenil nunha charla no CIFP Valentín Paz Andrade con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo

Nigrán (Pontevedra), 28 de abril de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Nigrán (Pontevedra) na inauguración das novas instalacións da empresa GTG Ingenieros no parque empresarial Porto do Molle, onde salientou que a Xunta vén de activar a nova Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020, que inclúe un total de 163 medidas para reducir a sinistralidade laboral e consolidar a cultura preventiva no tecido empresarial e entre os traballadores.

No acto, no que, ademais, a empresa presentou, con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, Safety, un novo equipo de seguridade no marco da Industria 4.0, Toca indicou que a loita contra a sinistralidade laboral é unha prioridade para a Xunta e, por iso, traballa en políticas encamiñadas a reducir os accidentes no traballo a través da Axenda 20. A nova folla de ruta inclúe 6 obxectivos estratéxicos e, segundo explicou Toca, foi elaboradora pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), en coordinación co resto de departamentos da Administración, e froito do consenso cos interlocutores sociais.

Toca salientou que, como novidade, e, entre as 163 medidas, a Estratexia promoverá que os pregos de condicións para contratar coa Administración Pública contemplen compromisos ou aspectos concretos de seguridade e saúde laboral como son por exemplo horarios de traballo ou períodos de descanso.

A Xunta, ademais, reforzará a especial atención que xa presta a colectivos específicos como son, entre outros, as mulleres embarazadas ou en período de lactación, traballadores de idade avanzada ou aqueles menores de 18 anos, autónomos, empregados temporais, con pouca experiencia laboral ou persoas con capacidades diferentes. Con respecto ás mulleres, tamén se considerarán de xeito especial riscos específicos neste colectivo como poden ser os trastornos musculoesqueléticos ou certos tipos de cancro, ao tempo que se impulsará a integración da perspectiva de xénero en todos os aspectos relacionadas coa prevención, en especial naqueles sectores con maior presenza das mulleres. Así mesmo, Toca puxo en valor que a través da nova Estratexia crearase unha comisión técnica para estudar os riscos emerxentes, como pode ser o caso das actividades vinculadas ás novas tecnoloxías da comunicación e á nanotecnoloxía, ao tempo que se incorpora unha liña dirixida ás posibilidades de innovación no eido da prevención.

O Goberno galego, ademais, potenciará unha formación de calidade en prevención, incluíndo ao alumnado dos ciclos de formación profesional con cualificación básica antes de iniciar as súas prácticas, e apostarase pola redución de trastornos musculoesqueléticos, a través do Mapa do risco ergonómico de Galicia que vén de elaborar a Consellería. Outra das medidas que se contemplan é o desenvolvemento de estudos de investigación relacionados co estrés laboral ao abeiro do Acordo Marco Europeo. A formación permanente do empresariado, autónomos ou técnicos de prevención é outra das medidas da folla de ruta.

Todas estas medidas pretenden cumprir cos seis obxectivos específicos da Estratexia: mellorar a eficiencia das institucións públicas dedicadas á prevención de riscos; promover a implicación dos interlocutores sociais e dos actores vinculados á seguridade e saúde no traballo; mellorar e facilitar o cumprimento efectivo da normativa sobre prevención, así como a súa vixilancia e control; potenciar as actuacións das administracións en materia de análise, investigación, información, promoción, apoio e asesoramento técnico; fomentar a mellora das condicións da seguridade laboral con especial atención a sectores, empresas e colectivos que presentan maior risco; e impulsar unha formación de calidade en materia de prevención de riscos e a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega.

A Xunta con esta Estratexia afianza as súas políticas de seguridade e saúde laboral reforzando a coordinación de todos os actores implicados e consolidando ao ISSGA como órgano técnico especializado na materia e impulsando as funcións propias da Inspección de Traballo e Seguridade Social no eido preventivo. A Xunta, en palabras de Toca, busca a integración definitiva da prevención no sistema de xestión das empresas galegas. A folla de ruta recolle unha revisión intermedia, ao remate de 2018, no seo do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, para incluír as melloras e actualizacións que se detecten.

Contornas de traballo seguro

O Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, que se celebra hoxe, céntrase este ano na necesidade dos países de mellorar a súa capacidade para recoller e utilizar datos máis axeitados sobre seguridade e saúde no traballo co obxectivo de promover un crecemento económico sostido, inclusivo e sostible e un emprego pleno e produtivo, ao tempo que se protexan os dereitos laborais e contornas de traballo seguro.

Con motivo da conmemoración desta data, o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Valentín Paz Andrade de Vigo desenvolveu diversas actuacións nas que tomou parte o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes. Nunha charla na que participou salientou o interese prioritario da Xunta “por concienciar, previr e formar ás empresas e traballadores da importancia de traballar en contornos saudables e seguros”. Puxo tamén en valor a nova Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo e informou aos alumnos do novo programa do Goberno galego, dotado con 90 millóns de euros, para formar e contratar a 10.000 menores de 30 anos.

Impulso ao emprego xuvenil

A través da iniciativa, pioneira na Comunidade, as empresas identificarán a formación que precisan e a Xunta, que tamén consultará as súas propostas ao tecido produtivo e os clusters, dará resposta a estas necesidades a través de programas formativos que se desenvolverán en equipamentos públicos. Nunha segunda fase, o Goberno galego seleccionará ás empresas que desexen participar neste programa para contratar por un mínimo dun ano, co apoio económico da Xunta, ás persoas previamente formadas.

A Xunta ofrecerá axudas de 7.000 euros para favorecer a contratación: achegará un bono de formación de 2.000 euros a cada menor de 30 anos contratado para que elixa a especialidade na que desexa seguir formándose dentro da empresa; e, por outra, porá a disposición da compañía un bono de contratación de 5.000 euros por cada mozo contratado.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/04/2017