A Xunta entrega os certificados de profesionalidade a un grupo de 35 alumnos do Centro de Formación Ocupacional de Cambre

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou a aposta da Consellería de Economía, Emprego e Industria pola cualificación dos novos traballadores

Galicia destina no plan bianual vixente 40,6 millóns de euros a accións formativas, dirixidas prioritariamente ás persoas desempregadas na Comunidade Autónoma

  • whatsapp

Cambre (A Coruña), 28 de abril de 2017.- Un total de 35 profesionais alumnos do Centro de Formación Ocupacional de Cambre recibiron hoxe os diplomas oficiais que acreditan a actividade formativa cursada, que á súa vez implica o certificado de profesionalidade, que acredita o conxunto de competencias que os capacitan para o desenvolvemento dunha actividade laboral.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria desenvolve unha aposta decidida pola formación certificable, co obxecto de que a formación para o emprego acade os niveis de calidade e excelencia que son precisos no actual panorama laboral. O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, presidiu a entrega de diplomas, celebrada no Centro Municipal de Formación, no polígono do Espíritu Santo.

Neste marco, véñense desenvolvendo as accións formativas para desempregados, tanto nos centros dependentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria, como nas entidades colaboradoras acreditas, neste caso, o Concello de Cambre, potenciando a calidade da formación, a súa eficiencia, e o impacto da mesma na empregabilidade das persoas e a competitividade das empresas. Os diplomas entregados hoxe corresponden a os cursos de soldadura con eléctrodo revestido e TIG (12 alumnos), atención sociosanitaria a persoas no domicilio (11), e montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas (12). En total, a Xunta de Galicia investiu 190.000 euros nestas tres accións de formación.

Ovidio Rodeiro felicitou persoalmente aos alumnos pola súa participación e compromiso, desándolles “todo tipo de éxitos na súa vida profesional”. O delegado lembrou que a Xunta de Galicia “ten moi en conta que canto maior é a formación, tanto en cantidade como en calidade, máis son as oportunidades de emprego para os traballadores”. Neste sentido, referiuse á publicación no DOG, fai un mes, da orde de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia. As axudas previstas nesta orde elévanse a 40,6 millóns de euros. O carácter bianual da orde de axudas posibilita a realización de accións formativas máis complexas e cun maior período de duración.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/04/2017