A Xunta destaca os obradoiros de emprego como unha ferramenta eficaz para favorecer o acceso a postos de traballo de calidade

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, entregaron os diplomas aos preto de 80 alumnos de 11 concellos da Mariña que se especializaron na mellora de montes, carpintería, xardinería, atención sociosanitaria ou documentación

Apunta que estas actividades permiten acceder a formación de calidade contando cun contrato e impulsan a realización de obras e servizos para a comunidade

Salienta a cooperación entre as distintas administracións para lograr o máximo proveito destas iniciativas

Subliña que a Xunta vén de activar con 90 millóns de euros ata 2020 un novo programa pioneiro en Galicia que permitirá impulsar a contratación laboral de 10.000 menores de 30 anos
 

Viveiro (Lugo), 2 de maio de 2017
  • whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, salientou hoxe en Celeiro (Viveiro) que os obradoiros de emprego son un instrumento eficaz para a mellora da empregabilidade dos participantes, a través da formación de calidade, o acceso a un emprego cun contrato, e a realización de obras e servizos para a comunidade, ao tempo que fomentan a colaboración institucional.

Marnotes participou nun acto celebrado no salón de actos da delegación territorial da Xunta en Celeiro, no que se entregaron os diplomas a preto de 80 alumnos de 11 concellos da Mariña e zona norte de Lugo que se especializaron na mellora de montes, carpintería, xardinería, atención sociosanitaria ou documentación.

Na súa intervención o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, salientou a importancia da cooperación entre a Xunta e os concellos para lograr o máximo proveito destas actividades formativas, apuntando que son as administracións locais as que mellor coñecen as demandas e necesidades dos cidadáns, as obras e servizos máis necesarios e as oportunidades de emprego de cada zona.

En concreto, no acto de hoxe estiveron presentes alumnos do obradoiro de emprego celebrado en Foz, no que tamén participaron Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro, centrado en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes; e no que tivo lugar en Barreiros en colaboración con Lourenzá e Trabada, que tivo por especialidades a instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e a instalación e elementos de carpintería. Tamén asistiron alumnos da iniciativa desenvolvida no Vicedo xunto con Muras e Ourol, sobre traballos de carpintería e moble e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. E asistiron tamén participantes no obradoiro de emprego de Ribadeo, nas especialidades de arquivista e xestión documental e dixitalización documental e acceso ao documento.

En total, 1.600 galegos e galegas poderán participar este ano nos obradoiros de Emprego aos que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que en 2016. Este ano amplíase a duración, que pode ser de ata nove meses. Ademais, prímanse os proxectos con maior vinculación coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos, valórase a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción, e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen.

Na súa intervención, o director xeral de Orientación e Promoción Laboral sinalou que os obradoiros de emprego contribúen a fixar poboación no rural, un dos retos prioritarios da Xunta, que ten en marcha un programa específico de formación e emprendemento no rural, con 30 millóns de euros para chegar a 13.000 persoas. Esta iniciativa inclúe 10 medidas entre as que destacan a posta en marcha de obradoiros que centrarán a súa actividade no rural. Marnotes apuntou así mesmo que outra das medidas que a Xunta ten en marcha para incentivar o emprego naqueles colectivos que máis o precisan son os incentivos á contratación de parados de longa duración.

Así mesmo, Marnotes fixo fincapé en que a Xunta vén de activar con 90 millóns de euros ata 2020 un novo programa pioneiro en Galicia que permitirá formar e impulsar a contratación laboral de 10.000 menores de 30 anos, un colectivo xa prioritario nas políticas activas de emprego do Goberno galego.

O tecido empresarial e os clusters encargaranse de identificar, como experiencia piloto, aos profesionais que requiren en Industria 4.0 e agroalimentación, para a continuación, nos centros de titularidade autonómica, a Xunta ofrecer formación á mocidade, dirixida especialmente á que non conte con experiencia laboral. Nunha segunda fase acreditaranse ás empresas que participen no programa e que deberán contratar por un mínimo dun ano, co apoio económico da Xunta, aos participantes no período formativo. A Administración autonómica achegará ademais 7.000 euros por participante para que accedan ao mercado laboral: 5.000 para a empresa para incentivar a contratación e 2.000 euros para que, a través dun bono formación, o contratado poida completar a súa etapa formativa dentro da propia compañía.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/05/2017