Conde avalía co director de Inspección laboral as actuacións programadas pola Xunta para velar polo emprego de calidade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse hoxe en Santiago co novo responsable de Inspección Laboral e Seguridade Social, Demetrio Fernández

Destaca que a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017-2020 impulsa os controis neste ámbito

O Plan de Inspección Laboral, que executa a Xunta en coordinación co Estado, prevé para este ano o desenvolvemento de preto de 75.000 actuacións

Conde salienta que é prioridade do Goberno galego velar polo cumprimento das condicións laborais dos traballadores galegos
 

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza co novo director territorial de Inspección de Traballo e Seguridade Social, Demetrio Fernández, para avaliar as actuacións programadas para este ano no Plan que nesta materia executa a Xunta en coordinación co Estado.

Conde sinalou que a nova Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017-2020, que vén de activar o Goberno galego, impulsa as inspeccións neste ámbito solicitando, ao respecto ao director de Inspección, a colaboración para a consecución dos obxectivos marcados.

A nova Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo, elaborada en coordinación co resto de departamentos da Administración, e froito do consenso cos interlocutores sociais, inclúe un total de 163 medidas para reducir a sinistralidade laboral e consolidar a cultura preventiva no tecido empresarial e entre os traballadores. En palabras de Conde, un dos seis obxectivos específicos desta folla de ruta é mellorar e facilitar o cumprimento efectivo da normativa sobre prevención de riscos laborais, así como a súa vixilancia e control, eido no que demandou a colaboración da Inspección de Traballo.

Conde salientou que unha das principais prioridades do Goberno galego é a loita contra a sinsistralidade laboral e, deste xeito, indicou que a Xunta traballa en políticas encamiñadas a reducir os accidentes no traballo a través da Axenda 20. Neste senso, puxo en valor a importancia da inspección para cumprir con este obxectivo.

A actividade inspectora da Xunta céntrase principalmente en catro áreas: á vinculada á seguridade e saúde laboral súmanse as de relacións laborais, emprego e estranxeiros, e seguridade social. O Plan para este ano prevé o desenvolvemento de preto de 75.000 actuacións nas catro áreas. A de relacións laborais inclúe os controis dirixidos a vixiar que se cumpra a lexislación vixente en materia de contratación (fraude na contratación, vixilancia dos contratos temporais encadeados ou control da contratación a tempo parcial para que en realidade non sexa a tempo completo).

A Xunta neste eido conta cun plan específico para o control da correcta utilización dos contratos formativos e as prácticas non laborais nas empresas e para, en xeral, a persecución do fraude á contratación. Grazas a este plan, o pasado ano acadouse a conversión de preto de 3.000 contratos temporais en indefinidos.

Tamén se inclúe nesta área, entre outro tipo de actuacións, controis para velar polo correcto funcionamento das ETT, que as condicións de traballo sexan as correctas (horas extras, descansos...) e para que non existan casos de discriminación en materia de xénero (desigualdade laboral). Tamén se persegue que non haxa actuacións por impagamento ou retraso no pagamento dos salarios.

Na área de emprego e estranxeiros vixíanse principalmente as autorizacións de traballo e na de seguridade social inclúese a campaña de emprego non declarado coa que se controla non só a economía irregular senón tamén a compatibilidade en temas de prestacións.

Conde destacou que a Xunta está a velar a través deste Plan polo cumprimento das condicións laborais dos traballadores galegos e polo emprego de calidade, subliñando que para cumprir este obxectivo se está a intensificar a vixilancia na calidade no emprego. O Goberno galego busca con esta iniciativa, segundo engadiu o conselleiro, “a protección dos traballadores e empresarios”, que redunda en toda a sociedade.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/05/2017