O presidente da Xunta clausurou o acto de presentación das Previsións económicas de Funcas para as comunidades autónomas 2017
Feijóo adianta que os datos sobre o emprego do mes de abril traerán consigo boas novas para Galicia

Boas novas, asegura, que ratifican que Galicia crea emprego igual que en 2016, cando o paro rexistrou a súa maior caída interanual; e igual que no mes de marzo, con 21.741 galegos menos nas listas do paro que hai un ano

Atribúe as expectativas do informe Funcas a que Galicia segue este ano a mesma senda de estabilidade, de internacionalización económica e de investimento público que ata agora

Incide en que o feito de que as previsións se cumpran ou non dependerá do xeito en que a economía galega consolide as bases do seu futuro, con máis internacionalización, innovación, emprendemento e emprego

Garante que Galicia terá ao seu carón un Goberno comprometido con poñer os medios e o marco de estabilidade necesario

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2017
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe que, a falta de coñecer os resultados definitivos sobre o emprego do mes de abril que se farán públicos mañá, estes traerán consigo boas novas para Galicia. Boas novas, asegurou, que ratifican que Galicia crea emprego igual que en 2016, cando o paro rexistrou a súa maior caída interanual; e igual que no mes de marzo, con 21.741 galegos menos nas listas do paro que hai un ano.

Conscientes de que a principal batalla que se libra cando se fala de emprego non só está na creación de novos postos de traballo, senón en conseguir que estes se desenvolvan nun marco laboral estable que prime a cualificación, Feijóo lembrou, durante a presentación das Previsión económicas de Funcas para as comunidades autónomas 2017, que a Xunta está a centrar unha gran parte dos recursos en incentivar a formación. E, en facelo dirixida cara aos traballadores de sectores estratéxicos como a automoción e o naval, inmersos nun proceso de transformación tecnolóxica; e cara ao colectivo da mocidade.

Para iso, recordou a aprobación dun programa de emprego dotado con 90 millóns de euros, co obxectivo de impulsar a contratación laboral de 10.000 mozos menores de 30 anos e implicar as empresas na súa formación.

No eido da internacionalización referiuse á achega de 1,5 millóns para axudar ás empresas galegas a exportar máis e mellor. E, para levar a cabo a modernización da industria galega, recordou que o Goberno galego conta cun orzamento total de 175 millóns de euros a través da Axenda Galicia-Industria 4.0.

Todo isto estará acompañado por unha lei que permitirá facer máis atractivo e dinámico o tecido empresarial da Comunidade. Unha norma para que todas aquelas empresas que queiran implantarse no solo industrial galego o teñan máis fácil en termos administrativos e lles resulte menos custoso en termos fiscais.

“E tamén espero que os concellos nos acompañen; que os impostos, as taxas e as licencias municipais vaian polo camiño lóxico do emprendemento”, dixo, referíndose ao concepto doing business.

Manter a estabilidade e apostar pola internacionalización e polo investimento público

Ao longo da súa intervención, Feijóo atribuíu as expectativas do informe Funcas a que Galicia segue este ano a mesma senda de estabilidade, de internacionalización económica e de investimento público que ata agora. Non en van, os orzamentos deste ano son case un 3% máis elevados que en 2016, con máis de 9000 millóns de euros; aumenta en 300 millóns de euros a capacidade de gasto da Xunta; e os obxectivos volven estar na creación de emprego, nas baixadas de impostos centradas no rural, na redución do déficit, no gasto social e na oferta de ata 3000 prazas públicas de emprego.

Así mesmo destacou que, por cuarto ano consecutivo, Galicia bateu o seu récord exportador ao superar por primeira vez en 2016 os 20.000 millóns de facturación e as 6700 empresas exportadoras; cun volume de vendas un 34% maior que hai 8 anos; e ao ser en 2016 a segunda comunidade coa mellor balanza comercial.

“E 2016 foi tamén un ano de récord para o turismo, xa que chegaron ata a Comunidade galega case cinco millóns de viaxeiros, un 7,4% máis que en 2015. E Galicia, seguindo a senda do rigor, volveu cumprir, ao reducir o déficit ao 0,54%, é dicir, por debaixo do límite do 0,7% establecido polo Goberno central”, abundou, insistindo en que o Goberno galego seguirá mantendo a estabilidade e apostando pola internacionalización e polo investimento público. “Estes serán os tres eixes da nosa política económica”, afirmou.

Feijóo concluíu facendo fincapé en que o feito de que as previsións se cumpran ou non dependerá, en gran medida, do xeito en que a economía galega consolide as bases do seu futuro, con máis internacionalización, máis innovación, máis emprendemento e máis emprego.

E, nesta liña, garantiu que Galicia terá ao seu carón un Goberno comprometido con poñer os medios e o marco de estabilidade necesario.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/05/2017