A Xunta licita a restauración da Casa dos Cóengos da catedral de Mondoñedo

O importe previsto ascende a 328.930,70 euros

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a licitación da restauración da Casa dos Cóengos da catedral de Nosa Señora da Asunción de Mondoñedo, unhas obras cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80 %), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 6, prioridade de investimento 6.3, obxectivo específico 6.3.1, actuación 6.3.1.1. Segundo pode consultarse na resolución, o importe previsto para a obra ascende a 328.930,70 euros e o prazo de execución será de seis meses.

Os traballos consistirán na consolidación e reforzo dos muros de carga, reposición de revocaduras exteriores e interiores nas zonas deterioradas e reforzo da estrutura horizontal e da estrutura de cuberta. Así mesmo, restaurarase o entaboado de madeira existente, a escaleira e as carpinterías exteriores. Ademais, dotarase o edificio de preinstalación eléctrica.

A Casa dos Cóengos é unha edificación do S XIX forma parte do conxunto catedralicio de Mondoñedo, xunto coa catedral, o pazo episcopal e a horta, configurando unha peza urbana de funcionamento independente dentro do conxunto que, aínda que no seu tempo albergou dependencias para uso dos cóengos, na actualidade está libre e sen uso que se edificou en dúas fases.

Na actualidade presenta problemas de estabilidade estrutural importantes que cómpre resolver para poder dotar ao edifico dun uso viable e sostible que garanta o seu mantemento e conservación futuras, evite a súa deterioración e resolva as patoloxías actuais derivadas da inestabilidade da estrutura.

Data de actualización: 03/05/2017