O desemprego en Galicia continúa baixando ao pechar abril con 23.524 persoas menos no paro que hai un ano

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado destacando o descenso do 10,31% na evolución anual, o que sitúa á Comunidade en niveis inferiores a hai 8 anos

Sinala que é a maior caída en abril de toda a serie histórica, desde 1996, reducíndose por cuarto ano consecutivo o desemprego neste mes

Indica que xa son tres anos e medio de baixadas consecutivas, desde novembro de 2013, e apunta que a calidade no emprego segue crecendo, xa que contratación en xeral sube nun 9,05%, asinándose 6.150 contratos máis que hai un ano

A indefinida aumenta nun 5,35% e a tempo completo crece nun 11,83%, catro puntos e medio máis que a tempo parcial

Toca puxo en valor o aumento das afiliacións nun 2,24% e que o desemprego volve a diminuír nas principais variables con respecto a hai 12 meses: nas catro provincias, 7 grandes cidades, todos os sectores e tramos de idade e en homes e mulleres

Descende nos colectivos con máis dificultades para atopar un traballo: menores de 30 anos (-15,78%), parados de longa duración (-11,02%) e mulleres (-8,01%)
 

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado destacando que o descenso continuado no número de desempregados demostra a recuperación económica que está a vivir Galicia ao pechar abril con 23.524 persoas menos no paro que hai un ano, o que supón un descenso do 10,31%.

Toca explicou que estes datos sitúan á Comunidade en niveis de paro inferiores a hai 8 anos, a abril de 2009, e sinala que é a maior caída neste mes de toda a serie histórica, desde 1996, reducíndose, ademais, por cuarto ano consecutivo o desemprego neste mes. En palabras da responsable de Emprego, o paro leva baixando en Galicia tres anos e medio de xeito consecutivo, desde novembro de 2013.

A secretaria xeral salientou, ademais, que a calidade no emprego segue crecendo ao aumentar a contratación en xeral nun 9,05%, ao asinarse 6.150 contratos máis que en abril do pasado ano: a indefinida aumentou nun 5,35% e a tempo completo creceu nun 11,83%, catro puntos e medio máis que a tempo parcial. Ademais, Toca puxo en valor o incremento nas afiliacións nun 2,24% con respecto a hai un ano, sendo o maior crecemento nun mes de abril desde 2007. Ademais, xa son 3 anos (desde abril de 2014) nos que Galicia rexistra unha evolución positiva. Deste xeito, Galicia remata abril cunha cifra de afiliacións superior á de hai cinco anos. As afiliacións con respecto a marzo tamén soben, sendo o aumento case o dobre que en 2016.

Neste contexto no que baixa o número de parados e crecen as afiliacións e as contratacións, Toca afirmou que Galicia consolida a tendencia amosada no último ano cando o paro baixou un 10%, a maior caída desde o inicio da crise, como nestes catro primeiros meses do ano.

Na evolución anual tamén, a secretaria xeral de Emprego puxo en valor o descenso continuado nas principais variables: nas catro provincias, as sete grandes cidades, todos os sectores, tramos de idade e tanto en homes como en mulleres, así como nos colectivos prioritarios cos que traballa o Goberno galego para reducir o paro.

Detallou que o número de persoas sen emprego diminuíu, un mes máis, nos colectivos prioritarios cos que traballa a Xunta para reducir o desemprego como son os menores de 30 anos (-15,78%), os parados de longa duración (-11,02%) e as mulleres (-8,01%).

En canto ás provincias, detallou que Ourense lidera a baixada con respecto a abril de 2016 (-10,71%), seguida de Pontevedra (-10,45%), A Coruña (-10,12%) e Lugo (-10,05%) e sobre os sectores de actividade, apuntou que o desemprego diminuíu en todos eles, liderando o descenso con respecto a hai un ano a construción nun -19,71%, seguido da industria cun -12,87% e da agricultura e pesca cun -11,71%. Con respecto ao mes pasado, o paro tamén baixa nun -2,58%, diminuíndo tamén nas principais variables.

Impulso á contratación e formación

“A Xunta segue esforzándose cada día para manter a tendencia actual e consolidar a recuperación económica en Galicia”, segundo resaltou a secretaria xeral de Emprego. Para iso, asegurou que o Goberno galego continúa traballando con esforzo a través da Axenda 20 coa que se están impulsando medidas encamiñadas a alcanzar o reto de crear entre 80.000 e 100.000 empregos ata 2020.

Para iso, estanse poñendo en marcha medidas para mellorar a formación e aumentar a contratación entre os menores de 30 anos con 90 millóns de euros que se acaban de activar e para fortalecer o emprego autónomo a través da Estratexia Autónomo 2020. Outras actuacións están encamiñadas aos parados de longa duración ou a impulsar as políticas de Responsabilidade Social Empresarial nas pemes galegas con axudas para a implantación de plans de igualdade ou ferramentas para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal. “O que queremos é que en 2017 as familias sexan as verdadeiras protagonistas do crecemento económico en Galicia”, rematou.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/05/2017