A Xunta salienta a súa aposta polo emprego inclusivo e amosa o seu apoio aos colectivos máis vulnerables

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, participou hoxe en Vigo na clausura da asemblea anual da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (Cegasal)

Destaca que o Goberno galego, para seguir avanzando cara á inclusión laboral, reforza este ano os apoios aos colectivos con capacidades diferentes, aumentando nun 18% o orzamento destinado a apoiar os centros especiais de emprego e ás entidades que traballan para evitar situacións de exclusión

A Xunta está a primar a creación de postos de traballo dos que máis o necesitan cunha maior intensidade de axuda para os colectivos con máis dificultades para atopar un emprego

Indica a importancia de formar ás persoas con discapacidade cara aos novos perfís profesionais que está requirindo o mercado laboral
 

Vigo, 9 de maio de 2017
  • whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, participou hoxe en Vigo na clausura da asemblea anual da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (Cegasal), onde destacou a aposta da Xunta polo emprego inclusivo e o apoio que está dando aos colectivos máis vulnerables.

Neste senso, Marnotes salientou que para seguir avanzando cara á inclusión laboral, o Goberno galego reforzou para este ano os apoios que presta á discapacidade, aumentando o orzamento destinado a apoiar os centros especiais de emprego e ás entidades que traballan para evitar a exclusión laboral nun 18% con respecto a 2016, ata chegar aos 12,2 millóns de euros.

Marnotes lembrou que a Xunta traballa cos centros especiais de emprego impulsando a súa posta en marcha e mantemento das súas instalacións e axudándolles a afrontar os custes salariais dos seus traballadores.

Indicou tamén que o programa de axudas ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego está mellorado en Galicia, duplicando as axudas que concede o Estado. Galicia concede 2.400 euros por traballador contratado fronte aos 1.200 euros que establece a normativa estatal.

Así mesmo, afirmou que a Xunta prima este ano a creación de postos de traballo dos que máis o necesitan cunha maior intensidade de axuda para os colectivos con máis dificultades para acceder ao emprego como son as persoas con discapacidade.

O Goberno galego conta, así mesmo, con axudas específicas para incentivar a contratación por conta allea dos colectivos con maiores dificultades de inserción como son os apoios para a integración laboral na empresa ordinaria e o de emprego con incentivos por cada contratación.

Marnotes sinalou, ademais, a importancia de formar ás persoas con discapacidade cara aos novos perfís profesionais que está requirindo o mercado laboral e puxo en valor o investimento que realiza a Xunta en programas de cooperación con entidades sen ánimo de lucro, con máis de 8 millóns de euros, para apoiar a contratación de 500 traballadores.

Trátase dunha liña de axudas que ten como obxectivo principal ofrecer ás persoas sen emprego unha experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción no mercado de traballo. En concreto, a Xunta financia con esta iniciativa a contratación de persoas sen emprego e mulleres vítimas de violencia de xénero para a realización de servizos de carácter social relacionados co ámbito da discapacidade e a atención a persoas maiores, nenos ou persoas en risco de exclusión social.

O director xerala apelou, por último, á importancia da colaboración entre as administracións e as entidades representantes do eido da discapacidade para loitar contra a discriminación laboral poñendo como exemplo a Cegasal, que aglutina na actualidade a 18 empresas de diversos sectores nos que traballan preto de 1.000 persoas. “A integración non será posible sen o esforzo e o compromiso de todos”, rematou.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/05/2017