A Xunta destaca en Previsel a loita contra a sinistralidade a través da nova Estratexia de seguridade e saúde no traballo

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, inaugurou hoxe en Ourense a décimo segunda edición do único salón sobre prevención laboral de Galicia

Sinala a importancia de sumar esforzos neste ámbito e explica que a nova folla de ruta do Goberno galego inclúe 6 obxectivos estratéxicos con 163 medidas para consolidar a cultura preventiva no tecido empresarial e entre os traballadores

O documento, froito do consenso cos interlocutores sociais, promoverá como novidade que os pregos de condicións para contratar coa Administración contemplen compromisos vinculados á seguridade e saúde laboral

O Goberno galego reforzará a especial atención que xa presta a colectivos específicos como mulleres embarazadas ou en período de lactación, traballadores de idade avanzada, autónomos, empregados temporais, con pouca experiencia laboral e persoas con capacidades diferentes

Ourense, 10 de maio de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, inaugurou hoxe en Ourense a décimo segunda edición de Previsel, o único salón sobre prevención laboral de Galicia, onde puxo en valor as 163 medidas da nova Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020, que vén de activar o Goberno galego co obxectivo de reducir a sinistralidade e consolidar a cultura preventiva no tecido empresarial e entre os traballadores.

Toca indicou que a loita contra a sinistralidade laboral é unha prioridade para a Xunta e, por iso, engadiu que traballa, a través da Axenda 20, en políticas encamiñadas a acadar este obxectivo, entre as que salientou a nova Estratexia, que foi elaboradora pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), en coordinación co resto de departamentos da Administración, e froito do consenso cos interlocutores sociais.

A secretaria xeral, neste senso, sinalou a importancia de seguir sumando esforzos neste ámbito recordando que “a prevención é cousa de todos”. De feito, a Xunta coa nova Estratexia afianza as súas políticas de seguridade e saúde laboral reforzando a coordinación de todos os actores implicados.

Explicou, así mesmo, que a folla de ruta inclúe 6 obxectivos estratéxicos para mellorar a eficiencia das institucións públicas dedicadas á prevención de riscos; promover a implicación dos interlocutores sociais e dos actores vinculados á seguridade e saúde no traballo; mellorar e facilitar o cumprimento efectivo da normativa sobre prevención, así como a súa vixilancia e control; potenciar as actuacións das administracións en materia de análise, investigación, información, promoción, apoio e asesoramento técnico; fomentar a mellora das condicións da seguridade laboral con especial atención a sectores, empresas e colectivos que presentan maior risco; e impulsar unha formación de calidade en materia de prevención de riscos.

O documento contén entre as súas principais medidas promover que os pregos de condicións para contratar coa Administración Pública contemplen compromisos ou aspectos concretos de seguridade e saúde laboral como son por exemplo horarios de traballo ou períodos de descanso.

A Xunta, ademais, reforzará a especial atención que xa presta a colectivos específicos como son, entre outros, as mulleres embarazas ou en período de lactación, traballadores de idade avanzada ou aqueles menores de 18 anos, autónomos, empregados temporais, con pouca experiencia laboral ou persoas con capacidades diferentes.

Así mesmo, Toca puxo en valor que a través da nova Estratexia se creará unha comisión técnica para estudar os riscos emerxentes, como pode ser o caso das actividades vinculadas ás novas tecnoloxías da comunicación e á nanotecnoloxía, ao tempo que se incorpora unha liña dirixida ás posibilidades de innovación no eido da prevención.

O Goberno galego, ademais, potenciará unha formación de calidade en prevención, incluíndo ao alumnado dos ciclos de formación profesional con cualificación básica antes de iniciar as súas prácticas, e apostarase pola redución de trastornos musculoesqueléticos, a través do Mapa do risco ergonómico de Galicia que vén de elaborar a Consellería. Outra das medidas que se contemplan é o desenvolvemento de estudos de investigación relacionados co estrés laboral ao abeiro do Acordo Marco Europeo. A formación permanente do empresariado, autónomos ou técnicos de prevención é outra das medidas da folla de ruta.

Por último, Toca apuntou que o Goberno galego nesta Estratexia consolida ao ISSGA como órgano técnico especializado na materia e impulsa as funcións propias da Inspección de Traballo e Seguridade Social no eido preventivo. “Este Goberno mantén un firme compromiso para mellorar as condicións de seguridade e saúde no traballo para potenciar a calidade do emprego e, por iso, o orzamento destinado a este eido aumenta este ano nun 6%”, rematou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/05/2017