A Xunta prioriza na Axenda 20 para o emprego medidas para reducir a sinistralidade e consolidar a cultura preventiva no tecido empresarial e entre os traballadores

A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, clausurou a décimo segunda edición de Previsel, o único salón sobre prevención laboral de Galicia

Incide na importancia da colaboración da Xunta e os axentes sociais para reducir a sinistralidade laboral

O Goberno galego estivo presente no salón con stands e actividades organizadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do ISSGA, Consellería de Sanidade e Dirección xeral de Emerxencias
 

Ourense, 11 de maio de 2014
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou esta mañá na clausura da decimo segunda edición de Previsel, o Salón da Prevención e Seguridade Laboral, que durante dous días desenvolveuse en Expourense os días 10 e 11 de maio. Na súa intervención, Díaz Mouteira subliñou que a prevención é unha prioridade para a Xunta, e, por iso, engadiu que traballa, a través da Axenda 20, en políticas encamiñadas a acadar este obxectivo.
Así, destacou a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 que inclúe un total de 163 medidas para reducir a sinistralidade laboral e consolidar a cultura preventiva no tecido empresarial e entre os traballadores.
“A prevención é cousa de todos, atinxe a tódolos ámbitos da sociedade”, afirmou a delegada territorial, polo que subliñou a importancia de seguir sumando esforzos neste ámbito. Neste senso, na súa intervención Marisol Díaz incidiu na idea xa avanzada pola secretaria xeral de Emprego na inauguración do certame de que é fundamental a coordinación de todos os actores implicados na seguridade e saúde laboral.
Díaz Mouteira indicou que a Xunta mantén un firme compromiso para mellorar as condicións de seguridade e saúde no traballo para potenciar a calidade do emprego “por iso, o orzamento destinado a este eido aumenta este ano nun 6%”.
A edición deste ano Previsel de contou con 23 expositores e máis de 30 actividades nas que se incluíron conferencias e obradoiros especializados dirixidos a determinados sectores como a edificación, a agricultura, a docencia ou o forestal.
 

Data de actualización: 11/05/2017