Feijóo avanza a posta en marcha dun programa para impulsar a especialización de 2.500 mozos e que incluirá formación á porta nos 140 concellos do rural onde non hai centros homologados

Afirma que o programa conta con 162 cursos que se desenvolverán entre 2017 e 2018 cun orzamento total que ascenderá aos 4,3 millóns de euros

Destaca que o obxectivo é seguir reducindo o desemprego xuvenil, que no último ano caeu nun 15,78%, e acercar a formación ao rural creando emprego estable e fixando poboación nestas zonas

Esta iniciativa enmárcase na folla de ruta da Xunta en materia laboral, a Axenda 20 para o emprego

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en marcha dun programa para impulsar a especialización de 2.500 mozos menores de 30 anos, a través de 162 cursos que se desenvolverán entre este ano e o próximo, baixo o paraugas do Sistema de Garantía Xuvenil.

Feijóo destacou que a principal novidade deste programa é que inclúe formación á porta, isto é, cursos dirixidos especialmente aos 140 concellos do rural galego onde non hai centros homologados. Deste xeito, o Goberno galego asegurará que a formación chegue aos mozos destas zonas a través de centros móbiles ou espazos habilitados provisionalmente nos concellos. O programa alíñase así cos obxectivos marcados no Plan de fixación de poboación no rural.

Cómpre subliñar que estes cursos axustaranse ás necesidades do tecido empresarial de cada zona e primarán os cursos con maior inserción laboral e enfocados ao uso das tecnoloxías. Ao rematalos, obteranse certificados de profesionalidade homologados e con validez en toda España.

Así mesmo, poderán ser impartidos polos centros formativos acreditados ou inscritos pola Xunta, xa sexan empresas, entidades sen ánimo de lucro ou concellos.

Cun orzamento total que ascenderá aos 4,3 millóns de euros, o titular da Xunta incidiu en que este programa terá unha duración bianual para ofrecer unha formación máis completa. O obxectivo é seguir reducindo o desemprego xuvenil, que no último ano caeu nun 15,78%, e acercar a formación ao rural creando emprego estable e fixando poboación nestas zonas

Esta iniciativa enmárcase na folla de ruta da Xunta en materia laboral, a Axenda 20 para o emprego, que ten como obxectivos, entre outros: crear 100.000 novos empregos, reducir a taxa de paro ata o 10%, crear ou converter 50.000 contratos en indefinidos e acadar unha inserción trala formación dun 60%.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/05/2017