Preto de 3800 persoas presentaranse mañá en Silleda ás probas de avaliación en competencias clave

O obxectivo desta iniciativa é fomentar o acceso dos participantes aos cursos vinculados aos certificados de profesionalidade

As competencias, que se dividen en dous niveis, céntranse nas seguintes especialidades: matemáticas, lingua castelá, lingua galega e inglés
 

Santiago, 12 de maio de 2015
  • whatsapp

Preto de 3.800 persoas presentaranse mañá no Recinto Feiral de Silleda ás probas de avaliación en competencias clave que organiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Estas probas de avaliación permiten aos beneficiarios que non teñan un nivel determinado de formación acreditada acceder a aqueles cursos de formación vinculados a certificados de profesionalidade.

En concreto, mañá examinaranse de competencias de nivel 2 e 3 nas seguintes especialidades: matemáticas, lingua castelá, lingua galega, e inglés. En total, entre os case 3.800 participantes desenvolverán unhas 14.200 probas nestas materias. A que acumula un maior número é lingua castelá, seguida de matemáticas, lingua galega e inglés.

Toda a información pode consultarse aquí, ademais das listaxes de admitidos e excluídos, pode consultarse a porta do pavillón que corresponde a cada persoa, tanto para as quendas de mañá como de tarde.

As persoas admitidas para as probas da mañá de nivel 2 deberán acudir ao pavillón número 2 ás 09,00 horas, mentres que os que se presenten ao nivel 3 deberán achegarse ás 15,30 horas.

A posta en marcha desta iniciativa responde á renovación que desde 2009 se vén realizando en toda a oferta de formación para o emprego, en base aos novos certificados de profesionalidade. Con este fin, puxéronse en marcha as probas de avaliación en competencias clave, que permiten acceder aos cursos de formación a aquelas persoas que non poidan acreditar posuír a formación básica necesaria para optar aos mesmos.

Desde 2009 preto de 23.000 persoas participaron neste proceso, que adoitan aprobar de media arredor dun 75 por cento.

Data de actualización: 12/05/2017