A Xunta inviste 5,4 millóns de euros no apoio á inserción laboral de 1.514 persoas con discapacidade na provincia da Coruña

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá en Santiago de Compostela as instalacións de Ilunion Lavandería, empresa do grupo ONCE

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou en 2016, con máis de 5,4 millóns de euros, a un total de 65 centros especiais de emprego na provincia da Coruña, logrando a inserción laboral de 1.514 persoas con algún tipo de discapacidade.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá Ilunion Lavandería, unha empresa do grupo ONCE que conta con 121 traballadores, dos que 113 son persoas con algún tipo de discapacidade. Esta lavandería industrial presta un servizo de xestión integral da uniformidade laboral e o ano pasado procesou máis de cinco millóns de quilos de roupa.

Ovidio Rodeiro destacou que “as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social son un colectivo prioritario para o Goberno galego e, por iso, a Xunta está a primar a creación de postos de traballo dos que máis o necesitan cunha maior intensidade de axuda para os colectivos como son as persoas con discapacidade, con máis dificultades para acceder ao emprego”.

O delegado territorial tamén afirmou que “a Xunta traballa polo emprego inclusivo procurando unha maior achega do emprendemento das persoas en situación de vulnerabilidade, reforzando as súas capacidades e habilidades e ofrecéndolles novas oportunidades laborais”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/05/2017