Conde destaca a contribución dos premios Cegasal para lograr a inclusión social e laboral das persoas con capacidades diferentes

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu á entrega dos galardóns á mellor información periodística sobre economía social

Indica que as persoas con discapacidade son unha prioridade nas políticas activas de emprego, polo que a Xunta incrementou este ano un 18% o orzamento destinado aos centros especiais e ás entidades que traballan para evitar a exclusión laboral

Conde apela ao traballo conxunto de administracións, entidades e sociedade para acadar unha inclusión social plena
 

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, valorou o avance de Galicia cara a inclusión social e laboral das persoas con capacidades diferentes, durante a entrega de Premios Cegasal á mellor información periodística sobre economía social, dos que destacou a súa contribución para acadar este obxectivo.

Na clausura deste evento -na que se outorgaron galardóns aos xornalistas Santiago Riveiro de El Correo Gallego, Manuel Barral de La Opinión A Coruña e Ana Fuentes de Atlántico Diario- o conselleiro felicitou aos gañadores pero tamén a Cegasal e ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia por dar visibilidade, con este certame, ás persoas con discapacidade e ao labor que cada día realizan os traballadores dos centros especiais de emprego.

Neste sentido destacou que Cegasal agrupa 18 centros que dan traballo a máis de 1.250 persoas en preto dunha vintena de sectores produtivos e asegurou que a Administración está a apoiar e seguirá a apoiar este labor.

De feito, sinalou que as persoas con discapacidade son unha prioridade da Xunta en todas as súas políticas activas de emprego. Por iso, o Goberno galego aumentou nun 18% o orzamento destinado aos centros especiais de emprego e ás entidades que traballan para evitar a exclusión laboral e inviste este ano 22 millóns de euros para promover a integración e calidade no traballo dos colectivos máis vulnerables.

Por outra banda, Conde subliñou a importancia da formación para acadar un verdadeiro emprego inclusivo e lembrou que o Consello da Xunta de hoxe vén de aprobar tres ordes de axudas para favorecer a inserción laboral de 900 persoas en risco de exclusión social. Finalmente, o conselleiro apelou ao esforzo común de administracións, entidades e sociedade para avanzar cara unha inclusión social plena.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/05/2017