O titular do Goberno galego presidiu a sinatura do Acordo de Xestión 2017
Feijóo avoga por seguir traballando para consolidar unha sanidade pública innovadora, renovada, adaptada ao paciente e con menos esperas

Incide na necesidade de continuar optimizando a atención, mellorando os indicadores e garantindo a viabilidade do sistema

Aposta por continuar coa racionalización do gasto: cun maior uso de xenéricos; menor gasto en enerxía, con consumos máis eficientes; e coa redución do gasto en material, a través de máis compras centralizadas

Salienta a importancia de seguir apostando pola prevención e incide na necesidade de preparar a Sanidade pública para un número crecente de pacientes crónicos

Subliña que este acordo de xestión avoga por continuar mellorando os indicadores e empraza aos xerentes a seguir reducindo as listas de espera

Sostén que a Administración autonómica continuará impulsando a innovación, un dos motores de cambio da sanidade pública máis importantes

Reitera o compromiso de completar nesta lexislatura a modernización do 100% dos hospitais públicos e unha parte moi importante da atención primaria

Destaca os datos do Barómetro Sanitario 2016 como proba da implicación dos profesionais do Sergas: 9 de cada 10 pacientes consideran que a atención recibida nos centros de saúde foi boa ou moi boa; e, no caso dos hospitais, 8 de cada 10 danlle esa mesma cualificación ao servizo

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por seguir traballando para consolidar un sistema público galego de saúde innovador, renovado, adaptado ao paciente e con menos esperas.

Durante a sinatura do Acordo de Xestión 2017, Feijóo referiuse así ás liñas estratéxicas que se van levar a cabo para afrontar o futuro, incidindo na necesidade de continuar optimizando a atención, mellorando os indicadores e garantindo a viabilidade do sistema.

Ao respecto, e aínda que xa é un proceso consolidado, o responsable do Goberno galego avogou, nun primeiro termo, por continuar coa racionalización do gasto. A través da racionalización do gasto farmacéutico, cun maior uso de xenéricos; dun menor gasto en enerxía, con consumos máis eficientes; da redución do gasto en material, a través de máis compras centralizadas; e dun menor gasto na burocracia, cunha aposta pola tecnoloxía como se está a facer coa receita e historia electrónicas.

Ao longo da súa intervención, Feijóo salientou a importancia de seguir apostando pola prevención, reflectida na incorporación de novos programas de vacinación infantil ou nos obxectivos cada vez máis ambiciosos na campaña de vacinación contra a gripe; na decisión de estender o cribado do cancro de mama ou do cancro de colon ao conxunto dos cidadáns nas idades de maior risco; no establecemento de novas vías rápidas de atención en casos de cancro; e involucrando os cidadáns no obxectivo da prevención con máis información a través da plataforma É-Saúde.

Como terceira liña, o presidente da Xunta destacou a necesidade de continuar adaptando o sistema sanitario cara a novas situacións. Neste eido, e polo seu impacto, expuxo a importancia de seguir preparando a sanidade pública para un número crecente de pacientes crónicos, que obriga a darlle maior peso á atención primaria e a evitar duplicidades de probas.

Implicación e esforzo dos profesionais do Sergas


Feijóo afirmou tamén que este acordo de xestión avoga por continuar mellorando os indicadores e emprazou aos xerentes a seguir reducindo as listas de esperas.

Sobre este punto, lembrou que grazas ao esforzo dos profesionais de todo o sistema galego de saúde, hoxe hai máis actividade nos quirófanos -36.000 operacións máis que en 2009-; “temos as listas de espera máis baixas da historia”; hai 335.500 consultas hospitalarias máis que en 2009, e 764.200 consultas máis nos centros de saúde; e 40.000 urxencias máis atendidas.

Como quinto obxectivo, o titular da Xunta afirmou que a Administración autonómica seguirá impulsando a innovación, un dos motores de cambio da sanidade pública máis importantes.

Por outra banda, e en relación á mellora das infraestruturas, Feijóo reiterou o compromiso de completar nesta lexislatura a modernización do 100% dos hospitais públicos e unha parte moi importante da atención primaria.

Grazas ao esforzo de todos os galegos construíuse o novo hospital público de Vigo, equipouse o novo hospital público de Lugo; multiplicouse por catro a superficie de urxencias do hospital público da Coruña; abriuse a ampliación do hospital público de Ourense e as novas urxencias do hospital público do Salnés; impulsáronse as ampliacións dos hospitais públicos de Burela, Ferrol e Pontevedra; e construíronse ou renováronse 30 centros de saúde, coa previsión doutras dez actuacións neste eido.

O presidente do Goberno galego concluíu a súa intervención destacando os datos do Barómetro Sanitario 2016 como proba da implicación e o traballo dos profesionais do Sergas. Así, segundo o documento, 9 de cada 10 pacientes consideran que a atención recibida nos centros de saúde foi boa ou moi boa; e, no caso dos hospitais públicos, 8 de cada 10 danlle esa mesma cualificación ao servizo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/05/2017