Conde invita aos clústers a seguir colaborando coa Xunta para facer da industria 4.0 o sinal de identidade de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participa en Santiago de Compostela na presentación dos resultados do plan bienal 2015-2016 e no avance das próximas actuacións en materia de Industria 4.0

A posta en marcha da Axenda Galicia-Industria 4.0 permitiu, nos primeiros dous anos, a mobilización de 342 millóns de euros e a creación de 11.500 empregos industriais

Conde salienta que as primeiras medidas do novo período 2017-2018, no que se investirán 175 millóns de euros, xa están en marcha como o Observatorio 4.0 ou a segunda edición do Concurso de Ideas

O programa de formación 4.0 chegará, na súa segunda convocatoria, a 1.000 traballadores e mandos intermedios de empresas
 

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, invitou hoxe aos clústers galegos a seguir colaborando coa Xunta para facer da Industria 4.0, da innovación e do emprego cualificado o sinal de identidade de Galicia, durante a súa participación na xornada Galicia Industria 4.0. Presentación de resultados Plan Bienal 2015-16. Avance de actuacións 2017-18 que se celebrou na Cidade de Cultura con representantes dos principais clústers galegos.

“Tras a experiencia destes dous anos queremos identificar novas medidas para avanzar na modernización do noso tecido produtivo, na mellora da competitividade e na creación de máis emprego de calidade. A economía do coñecemento precisa unha industria máis moderna que incorpore as novas tecnoloxías”, asegurou Conde.

Durante a súa intervención, o conselleiro explicou que a Axenda Galicia-Industria 4.0 se aprobou en maio de 2015 co obxectivo de impulsar a modernización do tecido produtivo galego, tendo entre os seus retos a creación de 50.000 empregos na industria. Durante os dous primeiros anos impulsáronse accións por 143 millóns de euros, un 19% máis do previsto inicialmente, que beneficiaron a 4.200 empresas, creáronse 11.500 empregos industriais e mobilizáronse 342 millóns de euros.

Tal e como informou Conde, durante os vindeiros dous anos, a Xunta destinará máis de 175 millóns de euros a esta Axenda, un 22% máis que no período anterior, co obxectivo de poñer en marcha máis dunha trintena de accións que se completarán coas propostas de representantes do sector industrial galego.

Algunhas delas xa están en marcha, como o caso do Concurso de Ideas 4.0 que na primeira convocatoria contou coa participación de 38 pemes e a mobilización de 7,5 millóns de euros. Nesta segunda convocatoria apoiaranse seis iniciativas colectivas para implantar a fábrica intelixente en sectores estratéxicos da economía galega, na fábrica virtual e na TIC industrial. O conselleiro tamén lembrou que, xunto con Atiga, estase a traballar nun Observatorio para elaborar o mapa da Industria 4.0 en Galicia co fin de coñecer as oportunidades que a tecnoloxía ofrece aos sectores estratéxicos da nosa economía.
Conde salientou que este mes o Consello da Xunta vén de aprobar a segunda convocatoria do programa para impulsar a Industria 4.0 entre traballadores e mandos intermedios de empresas por medio de accións formativas. A iniciativa, cun orzamento de 700.000 euros chegará a 1.000 persoas.

Finalmente o conselleiro animou a empresas, clústers e centros tecnolóxicos a traballar de forma conxunta coa administración no avance da Industria 4.0 para facer de Galicia unha terra de oportunidades. “Galicia é pioneira e está na vangarda da Industria 4.0. O obxectivo é espallar esa cultura 4.0 tamén entre as pemes galegas para que o tecido produtivo se poida modernizar e actualizar e así conseguir que Galicia poida competir neste novo paradigma”.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/05/2017