A Xunta fomenta a corresponsabilidade cunha orde de axudas destinada a homes e familias monoparentais con redución de xornada

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou en rolda de prensa os detalles desta convocatoria, que se publica hoxe no DOG

O orzamento total, que ascende a 440.000 euros, permitirá outorgar axudas de entre 1.700 e 3.700 euros

Desde 2009 máis de 1.700 persoas teñen sido beneficiarias desta iniciativa
 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou esta mañá en rolda de prensa a orde de axudas -que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia- destinada aos homes traballadores e familias monoparentais que se acollan á redución da xornada de traballo para o coidado dos seus fillos e fillas.

A iniciativa ten como obxectivo fomentar a conciliación da vida familiar e laboral, ao tempo que se fomenta a corresponsabilidade entre homes e mulleres e se favorece, así, a desaparición dos estereotipos en torno ao coidados dos menores e do fogar. Por iso, os beneficiarios desta convocatoria son homes. Tamén se inclúen familias monoparentais, xa que pola súa situación precisan dun apoio específico.

O orzamento para este ano ascende a un total de 440.000 euros, cofinanciado ao 80% polo Fondo Social Europeo. En canto a contía das axudas individuais, esta determinarase tendo en conta a porcentaxe da redución da xornada e a súa duración, e o número de fillos a cargo da persoa solicitante, de xeito que oscilarán entre a mínima de 1.700 e a máxima de 3.700 euros.

Poderán ser beneficiarios os homes ou familias monoparentais que se acollan á medida de redución da xornada entre o 1 de maio de 2016 e o 31 de maio de 2017 e que teñan ao seu coidado unha filla ou fillo menor de 3 anos, ou menor de 12 anos naqueles casos nos que padeza unha discapacidade igual ou superior ao 33%. Tamén poderán acollerse aquelas persoas que adopten un neno ou nena ou nos casos nos que estea na modalidade de acollemento familiar permanente ou preadoptivo. Nestes supostos, non poderá ter transcorrido máis de 3 anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso, a filla ou fillo deberá ser menor de 12 anos.

Desde 2009 a 2016 o orzamento global destinado a estas axudas ascendeu a máis de 4,1 millóns de euros e foron beneficiarios das mesmas máis de 1.700 persoas, dos que o 75% foron homes (1.334) e o 25% mulleres (438).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/05/2017