A Xunta aposta por formar as persoas con capacidades diferentes nos novos perfís profesionais que requiren as empresas

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, asistiu hoxe en Carballo á presentación da nova maquinaria do Centro Especial de Emprego Aspaber para a limpeza viaria

Destaca que o Goberno galego, para seguir avanzando cara á inclusión laboral, reforza este ano os apoios aos colectivos con discapacidade, aumentando nun 18% o orzamento destinado a apoiar os centros especiais de emprego e ás entidades que traballan para evitar situacións de exclusión

Sinala que o Goberno galego vén de activar un programa para impulsar a inserción laboral de 900 persoas que se atopen en risco de exclusión social

Carballo (A Coruña), 19 de maio de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou hoxe en Carballo a aposta da Xunta por formar ás persoas con capacidades diferentes nos novos perfís profesionais que están requirindo as empresas para seguir avanzando cara a un emprego inclusivo. Toca participou na presentación da nova maquinaria para a limpeza viaria do Centro Especial de Emprego da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Psíquica de Bergantiños (Aspaber), onde fixo fincapé no apoio do Goberno galego aos colectivos máis vulnerables.

Destacou, ao respecto, que o principal reto da Administración autonómica é incrementar as oportunidades laborais dos galegos respondendo á necesidade daqueles que teñen máis dificultades para atopar un emprego. Neste senso, indicou que para seguir avanzando cara á inclusión laboral, o Goberno galego reforzou para este ano os apoios que presta á discapacidade, aumentando nun 18% con respecto a 2016 o orzamento destinado a apoiar os centros especiais de emprego e ás entidades que traballan para evitar a exclusión laboral.

Lembrou que a Xunta traballa cos centros especiais de emprego impulsando a súa posta en marcha e mantemento das súas instalacións e axudándoos a afrontar os custes salariais dos seus traballadores. Indicou tamén que o programa de axudas ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego está mellorado en Galicia, duplicando as axudas que concede o Estado. Galicia concede 2400 euros por traballador contratado fronte aos 1200 euros que establece a normativa estatal.

O Centro Especial de Emprego de Aspaber benefíciase destas axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, apoiando, polo tanto, o mantemento dos postos de traballo destas instalacións que empregan na actualidade a 48 persoas, na súa gran maioría persoas con discapacidade intelectual. Entre os servizos que presta este centro destacan, ademais da limpeza viaria, a recollida de residuos sólidos urbanos, xardinería en xeral, tanto para administracións públicas como particulares, ou a realización de traballos de escaiola, carpintería e a fabricación de panos de mesa, entre outros.

Un dos obxectivos da Xunta, segundo apuntou Toca, é traballar da man coas asociacións máis representativas do sector da discapacidade co fin de adecuar os perfís profesionais deste colectivo ás demandas dos sectores estratéxicos e emerxentes de Galicia, garantindo que as súas habilidades e competencias estean aliñados coas necesidades das empresas.

Así mesmo, explicou que para avanzar cara a un emprego inclusivo, a Xunta prima este ano a creación de postos de traballo dos que máis o necesitan cunha maior intensidade de axuda para os colectivos con máis dificultades para acceder ao emprego como son as persoas con discapacidade.

O Goberno galego conta, así mesmo, con axudas específicas para incentivar a contratación por conta allea dos colectivos con maiores dificultades de inserción como son os apoios para a integración laboral na empresa e os de emprego con incentivos por cada contratación.

A través destas axudas, a Xunta apoiou o pasado ano a inserción laboral de preto de 370 persoas con discapacidade en pemes e centros especiais de emprego.

Apoio ás persoas en risco de exclusión


Toca, ademais, referiuse ao programa especifico para apoiar ás persoas en risco de exclusión social que vén de aprobar o Goberno galego e que, dotado con 7,6 millóns de euros, prevé beneficiar 900 persoas.

A iniciativa inclúe tres liñas de apoios: a dirixida a concellos para a contratación de perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (Risga), incentivos á contratación destinados a pemes para empregar a persoas en risco de exclusión social e outros colectivos desfavorecidos e apoios específicos para empresas de inserción laboral.

A actuación enmárcase na Axenda 20 para o Emprego coa que o Goberno galego destina este ano 22 millóns de euros para promover a integración e calidade no traballo dos colectivos máis vulnerables

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/05/2017