O conselleiro de Sanidade participou no acto inaugural do Congreso Internacional Galimplant
Almuiña destaca o alto grao de innovación e a cultura emprendedora que define o sector biotecnolóxico galego

Afirma que desa combinación naceu en Galicia un ecosistema científico-tecnolóxico moi activo, que está trasladando a súa experiencia investigadora ao tecido produtivo

Salienta que Galicia é a terceira comunidade onde máis sociedades biotecnolóxicas se crearon nos últimos anos, con preto de 1.300 profesionais e cunha facturación próxima aos 250 millóns
 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe o alto grao de innovación e a cultura emprendedora que define o sector biotecnolóxico galego; ás empresas, ás fundacións biomédicas, ás universidades, aos grupos de investigación, aos centros tecnolóxicos e aos organismos públicos que forman parte del.

Durante o acto inaugural do Congreso Internacional Galimplant, Almuiña afirmou que desa combinación naceu en Galicia un ecosistema científico-tecnolóxico moi activo, que está trasladando a súa experiencia investigadora ao tecido produtivo.

Nesta liña, asegurou que Galimplant é un exemplo, un de tantos que converte Galicia na terceira comunidade onde máis sociedades biotecnolóxicas se crearon nos últimos anos. Con preto de 1.300 profesionais empregados neste sector; e cunha facturación próxima aos 250 millóns de euros.

Ao longo da súa intervención, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego incidiu en que a comunidade ten materia prima para converterse nun polo de biotecnoloxía. “A semente está nas nosas tres universidades -cun Campus de Excelencia Internacional orientado ás ciencias da vida e outro orientado ás ciencias do Mar-; e o seu cultivo se desenvolve co talento emprendedor asociado a este sector, que deu lugar a que sexan xa moitas as empresas que están comercializando os resultados da súa investigación”, abundou.

Ao respecto lembrou que, segundo os datos da Oficina Española de Patentes e Marcas, desde Galicia se realizaron, durante 2016, un total de 150 solicitudes de patentes, o que sitúa á autonomía na quinta posición. A mesma que en número de marcas nacionais solicitadas.

 

A biotecnoloxía fonte de innovación do tecido produtivo


Así mesmo, Almuiña fixo fincapé en que a biotecnoloxía non só contribúe a aumentar a competitividade de sectores tradicionais, como está a ocorrer co agroalimentario ou o marítimo, senón que é tamén unha fonte de innovación no ámbito sanitario. Non en van, desta innovación derívanse os principais avances en tratamento e diagnóstico que fan máis forte a sanidade pública.

Sobre este punto, salientou que no sector biomédico, a rápida transferencia do coñecemento xerado pola investigación básica e clínica ao contorno asistencial, que é o fundamento da Medicina de Precisión, converteuse nun factor clave para o propio sistema sanitario, pero tamén nun sector estratéxico na sociedade actual, pola súa repercusión económica e social.

“Ese talento innovador e esa cultura emprendedora é a que, desde a Xunta, queremos impulsar e apoiar”, aseverou, referíndose, desde o ámbito sanitario, a programas como o Plan de innovación sanitaria Hospital 2050 ou o Innova Saúde; ou á ampliación da Axencia Galega de Innovación ata os máis de 63 millóns para este ano.

Neste mesmo sentido, avogou por seguir incentivando a captación de talento e a innovación a través da colaboración público-privada; é dicir, implicando á universidade, empresas e centros tecnolóxicos no desenvolvemento de proxectos innovadores, e velando por que parte destes proxectos poidan supoñer unha oportunidade laboral para os investigadores galegos.

O conselleiro de Sanidade concluíu incidindo na vocación internacional do sector biotecnolóxico galego como pon de manifesto a empresa Galimplant, referente nacional e internacional no ámbito da implantoloxía oral.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 19/05/2017