O Servizo Galego de Saúde mantén operativas case o 90% das camas este verán e dispoñibles o 100% en caso necesario

A dispoñibilidade de camas do Sergas supera en máis de dez puntos a ocupación media que se ven rexistrando en anos anteriores, situada en torno ao 75%

Esta planificación realízase coa colaboración dos profesionais, que son os maiores coñecedores do funcionamento dos centros, co obxectivo de manter toda a actividade clínica posible e garantindo a atención en tempo aos pacientes que non admiten demora

Cada Estrutura Organizativa de Xestión Integrada dispón dunha planificación específica e dun plan de continxencia que contempla a posible mobilización de persoal e recursos necesarios en caso necesario

 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017
  • whatsapp

O Servizo Galego de Saúde está a realizar a súa planificación asistencial para o verán que se realiza tendo en conta factores como os menores índices de ocupación hospitalaria nestas datas, debido, fundamentalmente, a unha redución estacional de patoloxías e á correlativa redución de ingresos por enfermidade. O Sergas mantén dispoñibles este verán o 88,93% do total das camas dispoñibles nos centros hospitalarios da rede pública galega, unha porcentaxe similar á de anos anteriores e un punto porcentual máis que o 2016, cando foi do 87,94%.

Neste sentido, a dispoñibilidade de camas do Sergas neste período supera en máis de dez puntos a ocupación media que se ven rexistrando nos últimos veráns. Así, a porcentaxe media de ocupación no último ano situouse no 75,07%, unha cifra similar á de anos anteriores.

Cómpre ter en conta, así mesmo, que as camas pódense facer operativas de xeito inmediato cando é preciso, e que o recurso cama non ten tanta relevancia como tiña antes, xa que actualmente máis da metade das intervencións cirúrxicas son ambulatorias, é dicir, non requiren ingreso, e a estancia media hospitalaria ten rexistrado unha tendencia descendente nos últimos anos.

Esta planificación para a época estival obedece á racionalización dos recursos físicos e humanos e a colaboración dos profesionais á hora de planificar, posto que eles son os maiores coñecedores do funcionamento dos centros, mantendo toda a actividade clínica posible e garantindo a atención aos procesos que non admiten demora.

A planificación en época estival xustifícase nos menores índices de ocupación hospitalaria nestas datas, debido, fundamentalmente, a unha redución estacional de patoloxías e á correlativa redución de ingresos por enfermidade. Ademais, aprovéitase esta época que hai menos pacientes para facer obras de mantemento nos centros.

De xeito paralelo, racionalízanse as actividades valorando os recursos humanos dispoñibles, posto que o verán, como sucede con outras profesións, é o período máis demandado polo persoal para vacacións regulamentarias. Isto condiciona a necesidade de substituír ao persoal que goza deste período para garantir a actividade, e esta substitución non é posible en determinadas especialidades de persoal facultativo, polo que quedarían incompletos os equipos asistenciais necesarios para realizar determinadas funcións.

Cada Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) dispón de candansúa planificación e dun plan de continxencia que contempla a posible mobilización de persoal e recursos necesarios para a súa total operatividade en caso de que sexa necesario.

Xúntase cadro co emprego das camas operativas no período estival.
 

CAMAS VERÁN 2017
 
EOXI
% camas operativas
%ocupación 2016
Estrutura Organizativa de Xestión Integrada da Coruña
91,13
74,58
Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Santiago
88,58
75,59
Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo
89,6
75,18

Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos

88,46
70,1

Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

84,65
79,86
Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés
90,12
74,01
Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Ferrol
89,52
76,89

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 19/05/2017