Ourense súmase á campaña Quere o teu mercado con actividades gastronómicas, didácticas e de ocio ata finais de mes

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou a praza de abastos da cidade para presentar o programa de actividades

Indica que a iniciativa pretende visualizar estes espazos como elemento fundamental do comercio de proximidade poñendo en valor a súa calidade e profesionalidade

Máis de 90 prazas de abastos de toda a comunidade participan, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, nesta iniciativa internacional

Ourense, 19 de maio de 2017
  • whatsapp

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou esta mañá a praza de abastos de Ourense no marco da campaña internacional Quere o teu mercado (Love Your Local Market) para presentar as actividades que se desenvolverán nesta cidade durante os próximos días.

Entre elas hai iniciativas gastronómicas como as degustacións de produtos que se realizarán desde hoxe e ata o 26 de maio ou a Cea Quere o teu mercado, que se celebrará mañá, sábado 20 de maio; actividades didácticas como a visita de varios colexios os días 23, 24 e 25 de maio; reparto de obsequios e concursos; así como actuacións musicais ou a iluminación das Burgas o vindeiro venres, 26 de maio, polo Día do mercado.

O obxectivo, segundo explicou a directora xeral, é visualizar este espazo como elemento fundamental do comercio de proximidade, ademais de poñer en valor a calidade e profesionalidade do mercado ourensán e dos galegos en xeral.

A iniciativa Quere o teu mercado celébrase en Galicia por terceiro ano a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración cos concellos e as asociacións e federacións de praceiros. En total, máis de 90 prazas de abastos de toda a comunidade súmanse a esta iniciativa que se celebra ata finais de mes en máis de 30 países de Europa, América e Asia. Así, realizarase reparto de material promocional, exposicións, actuacións musicais, degustacións gatronómicas, actividades para nenos e nenas ou a celebración do Día do Mercado.

Quere o teu mercado (Love your local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, que propón en cada edición un obxectivo común que neste ano 2017 se centra en promocionar os mercados entre a poboación máis nova a través do slogan Markets for the new generation (Mercados para a nova xeración).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/05/2017