Conde salienta a importancia do diálogo social para acadar unha Galicia vertebradora e cada vez máis competitiva

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago na clausura do 11º Congreso Nacional de CCOO no que se elixiu á nova executiva do sindicato liderada por Ramón Sarmiento

Destaca ante a nova directiva que a Xunta sempre estará aberta ao diálogo na procura de mellorar o mercado laboral e pon en valor o traballo da executiva e o esforzo persoal do secretario xeral saínte, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e a súa lealdade institucional para buscar de espazos de entendemento

Indica que os axentes sociais e económicos son unha prioridade para o Goberno galego para consensuar as políticas de emprego adaptándoas á realidade empresarial e industrial da Comunidade

Sinala que a Lei de Emprego de Galicia, coa que se apoiará a creación de entre 80.000 e 100.000 postos de traballos ata 2020, será a primeira normativa en España adaptada ao novo marco estatal, o que contribuirá a executar políticas para conseguir un emprego estable e de calidade

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago na clausura do 11º Congreso Nacional de CCOO no que o sindicato fixou os obxectivos para os catro próximos anos e levou a cabo unha renovación dos seus órganos de goberno. Conde salientou a importancia de seguir avanzando no diálogo social para acadar unha Galicia vertebradora con máis cohesión social e máis competitiva.

O titular de Economía destacou ante a nova executiva, que a partir de agora estará liderada por Ramón Sarmiento, que atopará sempre na Xunta “unha porta aberta ao diálogo” na procura de mellorar o mercado laboral e, polo tanto, a calidade no emprego. Indicou que o Goberno galego quere seguir colaborando e unindo forzas para loitar por unha igualdade efectiva entre homes e mulleres e pola mellora das condicións dos traballadores e traballadoras. Puxo en valor a ampla traxectoria de Sarmiento, militante de CCOO desde hai 10 anos, que se incorporou ao organigrama sindical en 2004 como responsable do sector naval.

Conde, así mesmo, agradeceu o labor levado a cabo pola directiva saínte destacando o esforzo persoal do que foi o seu secretario xeral, Xosé Manuel Sánchez Aguión, na busca de espazos de diálogo e entendemento. Sinalou que despois de 40 anos afiliado ao sindicato e tras desempeñar diversos cargos de responsabilidade -8 anos ao fronte do sindicato- foi “firme coas súas ideas e respectuoso coa discrepancia”.

O conselleiro apelou, polo tanto, a seguir avanzando cara ao diálogo social, indicando que os axentes sociais e económicos son un obxectivo prioritario para o Goberno galego. Nesta liña, afirmou que a Xunta seguirá reforzando a colaboración para consensuar as políticas de emprego adaptándoas á realidade empresarial e industrial de Galicia.

Lei de Emprego

Explicou que Galicia, neste camiño, será a primeira Comunidade en aprobar unha normativa adaptada ao novo marco estatal que permita executar políticas para conseguir un emprego estable e de calidade. A Lei de Emprego de Galicia, que apoiará a creación de entre 80.000 e 100.000 postos de traballo ata 2020, contribuirá, segundo avanzou Conde, a ordenar o ecosistema laboral favorecendo o papel dos axentes nas políticas activas.

A futura norma busca acadar unha Galicia integrada na Industria 4.0. Entre outras accións, dotará de rango legal ao emprego; mellorará as competencias do Servizo Público de Emprego; garantirá a igualdade de todos os demandantes de emprego, con especial atención aos colectivos máis vulnerables; regulará os dereitos dos cidadáns fronte ao Servizo Público de Emprego para garantir a gratuidade e a universalidade dos servizos; e fomentará acordos cos interlocutores sociais e económicos nas políticas activas de emprego.

Por último, o conselleiro puxo en valor o traballo que desenvolven os sindicatos á hora de canalizar as reivindicacións e procurar unha vía de diálogo. Ao respecto, afirmou que a existencia de interlocutores fortes e representativos, tanto da parte sindical como da empresarial, é fundamental na procura de pautas de entendemento. En definitiva, sinalou a importancia de seguir contando cos interlocutores sociais para impulsar en Galicia “un novo modelo produtivo baseado no emprego de calidade, na innovación e no coñecemento”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/05/2017