Constituído o grupo de traballo para o fomento da contratación de seguros no sector vitivinícola

Con este órgano dáse entrada na Comisión Territorial de Seguros Agrarios a representantes das denominacións de orixe e da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia

A Xunta empraza aos consellos reguladores e ás organizacións profesionais agrarias a realizar propostas construtivas para mellorar as compensacións dos viticultores e adegueiros polos últimos danos sufridos

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017.- Hoxe quedou formalmente constituído, na Consellería do Medio Rural, o grupo de traballo dentro da Comisión Territorial de Seguros Agrarios encargado de avaliar e fomentar a contratación de seguros no sector vitivinícola.

Deste órgano forman parte, ademais de técnicos de distintos departamentos de Medio Rural, Agroseguro, a Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), o Consorcio de Compensación de Seguros, a Delegación do Goberno en Galicia, as organizacións profesionais agrarias e os consellos reguladores das denominacións de orixe do viño de Galicia, así como responsables da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega).

Deste xeito, cúmprese o compromiso da Xunta de poñer en marcha un grupo de traballo con plena representación sectorial para optimizar a xestión das compensacións por danos sufridos nos viñedos polas inclemencias meteorolóxicas. No seu seo, as denominacións de orixe e organizacións profesionais agrarias asumiron o compromiso de presentar, antes do vindeiro 1 de xuño, as súas propostas ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) para fomentar unha maior contratación de pólizas e mellorar as súas coberturas.

O Goberno galego emprazou a estas entidades a realizar propostas construtivas e realistas sobre o particular, para mellorar as compensacións dos viticultores e adegueiros polos últimos danos sufridos. Neste grupo tratarase de compartir información e ir da man do sector para seguir mellorando as pólizas e aumentar a súa aceptación por parte dos produtores, de tal forma que se incremente o grao de aseguramento no ámbito vitivinícola.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/05/2017