O hospital Álvaro Cunqueiro acolle o tren solidario informativo de doazón e transplante de órganos do Colexio Montesol

O conselleiro de Sanidade inaugurou hoxe o Programa Salvavidas, realizado por alumnos da ESO do Centro de Ensinanza Montesol de Vigo

Baixo o lema “Únete á nosa viaxe, doarás vida”, o proxecto pretende ensinar e concienciar aos nenos sobre os beneficios que a doazón e o transplante teñen para a sociedade

O Programa educativo Salvavidas, realizado en colaboración con Sanidade e a e Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), enmárcase no Plan Proxecta da Consellería de Educación

Vigo, 19 de maio 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou hoxe no Hospital Álvaro Cunqueiro o Tren Solidario Informativo realizado por  alumnos de diferentes cursos da ESO do Centro de Ensinanza Montesol de Vigo.

Baixo o lema “Únete á nosa viaxe, doarás vida”, os alumnos confeccionaron un tren informativo dirixido a explicar a doazón de órganos e transplantes, así como un xogo educativo dirixido aos máis pequenos. Ambas estruturas estarán expostas nos próximos meses na área de Consultas externas de pediatría do Álvaro Cunquerio, para que os máis pequenos poidan aprender xogando mentres esperan ás súas consultas médicas.

Neste evento tiveron especial protagonismo un grupo de 35 alumnos participantes no proxecto, de entre 12 e 14 anos, xunto cos seus profesores e o director do centro, Jesús González Lamas. Tamén asistiron o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Pinal; o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial; a directora da Axencia de Doazóns de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa García; e o presidente de ADROVI (Asociación de Doadores e Receptores de Vigo), Celso García.

No transcurso da inauguración, o conselleiro agradeceu ao Colexio Montesol esta iniciativa e apostou por “aunar esforzos e reforzar as liñas de colaboración interinstitucional para desenvolver políticas educativas que fomenten a doazón entre os xóvenes, co obxectivo de acadar unha sociedade máis comprometida e solidaria”.

Pola súa banda, o director do Centro Educativo, Jesús González e dous representantes dos alumnos, Alejandro Saavedra e Alexandre Cobelo , expresaron tamén o seu agradecemento ás institucións colaboradoras e ao Hospital Álvaro Cunqueiro pola súa receptividade e apoio ao abrir as súas portas a esta iniciativa. Asimesmo, os estudantes explicaron que “grazas a esta actividade nos temos concienciando da importancia das doazóns, temos aprendido o que é a solidariedade e moitos de nós, en canto podamos, daremos o paso para ser tamén doadores”-.

O acto finalizou coa actuación do cuarteto de corda “Scordatura”, que interpretou varios temas musicais de actualidade.

Programa Salvavidas

O Programa educativo “Salvavidas” do Centro Montesol enmárcase no Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con diferentes organismos, e dirixida a fomentar a innovación nos centros a través de programas educativos, buscando un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa que leven á motivación, ao traballo activo, cooperativo e en rede do alumnado e do profesorado implicado.

En “Salvavidas”, os organismos colaboradores son a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue.

Segundo explica a coordinadora do proxecto Cristina Díaz - “a súa finalidade é crear un proxecto interdisciplinario que traballe a doazón e o transplante de órganos desde diferentes perspectivas, para concienciar ao alumnado sobre o beneficio que a doazón e o transplante teñen para o sociedade, xa que eles representan o futuro e teñen unha repercusión directa sobre o seu contorno familiar, académico e social”-.

O proxecto deste curso escolar 2016/17consistiu na realización do devandito tren informativo e a confección dun xogo educativo dirixido a nenos de 5-7 anos.

Os obxectivos a conseguir son os seguintes: afianzar os conceptos entorno ao proceso de doazóns e transplantes, proporcionar información e recursos concretos de aplicación na aula, compartir coñecementos e experiencias coas persoas implicadas (doadores/as, pacientes en espera de transplantes, persoas transplantadas, familiares e persoal sanitario) e impulsar actitudes solidarias cara á doazón.

O tren, cunhas medidas de 5´60 x 1 x 0´80 cm, e confeccionado con material de reciclaxe (caixas de froitas forradas con papel e pintadas), está formado por tres vagóns e unha locomotora de cores. As fiestras do tren son láminas ilustrativas e informativas sobre doazóns e transplantes.Na parte traseira figura o lema do proxecto e na parte dianteira, unha frase impulsora das doazóns nas escolas.

En canto ao xogo educativo, consiste nun panel baixo o título “Que órganos se poden doar?” e uns bonecos que representan aos órganos do corpo. No panel figuran o nome escrito dos órganos. Trátase de que os nenos aprendan a identificar esas partes do organismo e coloquen ao carón de cada nome o moneco correpondente.

Talleres clínicos

Para aproveitar a presenza deste grupo de alumnos no hospital e como mostra de agradecemento por esta iniciativa solidaria, a EOXI de Vigo organizoulles unhas actividades de educación sanitaria. Un taller de RCP (Resucitación Cardiopulmonar) na que especialistas do servizo de Medicina Intensiva adestráronlles no manexo das técnicas básicas de RCP que permiten salvar vidas. Posteriormente, na área de simulación obstétrica, facultativos do servizo de Obstetricia e Xinecoloxía fixéronselles unha simulación dun parto cos maniquíes.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 19/05/2017