Anxo Lorenzo cualifica a María Mariño e a Antón Avilés como “dúas voces poéticas que sementaron a cultura de Galicia”

O secretario xeral de Cultura participou esta tarde nunha homenaxe conxunta aos escritores no día en que se cumpre o 50º cabodano do pasamento da autora

Na súa visita a Noia, reuniuse co alcalde para valorar posibilidades de colaboraciòn en actividades e equipamento cultural
 

Noia (A Coruña), 19 de maio de 2017
  • whatsapp

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde en Noia na homenaxe aos poetas María Mariño e Antón Avilés de Taramancos, aos que cualificou como “dous labradores da palabra, que lembramos e reivindicamos como voces poéticas que sementaron e que alimentaron a cultura de Galicia”.

Nunha iniciativa promovida polo Concello de Noia, ao pé das esculturas que recordan os dous autores noieses, Anxo Lorenzo lembrou que “hai 10 anos, por estas mesmas datas, a festa das Letras celebraba por todo o país, como facemos este ano coa figura de Casares, a poesía de María Mariño; e hai 15 anos, a obra de Antón Avilés de Taramancos”. “Estas dúas datas –dixo–, nas que a Real Academia Galega acordara dedicarlles o día grande das Letras a estes dous poetas nados en Noia, marcaron con certeza un antes e un despois no coñecemento e no recoñecemento social da súa poesía”.

Oportunidades para espallar a obra dos poetas

Segundo explicou, “estas ocasións nas que a obra dun poeta, dunha poeta, pasan a ocupar a axenda cultural do país, son unha oportunidade magnífica para espallar a súa poesía e a identificación da cidadanía con esas creacións”.

A dobre efeméride en 2017 dos 25 anos do pasamento de Antón Avilés, que se cumpriron o pasado mes de marzo, e do 50º aniversario da morte de María Mariño, tal día coma hoxe, constitúe unha oportunidade de volver sobre o interese da obra destes poetas. “Obras moi diferentes –en palabras do secretario xeral–, pero ambas capaces de prender no lector e de transcender no tempo”.

No marco desta visita institucional a Noia, Anxo Lorenzo mantivo un encontro co alcalde do municipio e con outros membros do seu equipo de Goberno para valorar novas posibilidades de colaboración de cara á realización de actividades e á mellora do equipamento cultural da localidade.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/05/2017