“Estamos a falar dunha estratexia que consolidará unha Galicia con mellores destrezas en idiomas; cuns equipos docentes con competencias lingüísticas avanzadas e cunha Educación máis próxima á excelencia”, di
Feijóo avanza unha achega de 70 millóns para estender o plurilingüismo e promover o seu ensino integral desde infantil ata a universidade

Destaca que esta iniciativa é o obxectivo central da nova Estratexia galega de linguas estranxeiras que estenderá os beneficios do plurilingüismo ao 100% dos alumnos do ensino obrigatorio galego

Afirma que tamén se ofrecerá un plan de formación específico para que ata o 30% dos docentes poidan lograr unha certificación C1 nunha lingua estranxeira

O conselleiro de Educación salienta que o novo programa busca que o 30% dos estudantes de ESO e de bacharelato certifiquen un nivel B1 e B2, respectivamente
 

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2017
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha achega de 70 millóns de euros ata 2020 para estender o plurilingüismo e promover o seu ensino integral desde infantil ata a universidade.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo destacou que esta iniciativa é o obxectivo central da nova Estratexia galega de linguas estranxeiras que estenderá os beneficios do plurilingüismo ao 100% dos alumnos do ensino obrigatorio galego.

Entre os obxectivos a nivel cuantitativo, o titular da Xunta destacou: conseguir que o 50% dos centros galegos de ensino sexan plurilingües; crear 600 novas seccións bilingües para que todos os centros de Galicia teñan unha; e duplicar o número de auxiliares de conversa –de 500 a 1000-.

Así mesmo, afirmou que o plan promove a extensión do plurilingüismo á educación infantil, que permitirá que os alumnos de entre 3 e 6 anos comecen a incorporar a lingua estranxeira ata nunha terceira parte das áreas curriculares; e a extensión do plurilingüísmo tamén á FP, de xeito que o alumnado curse ata unha terceira parte do ciclo formativo no idioma estranxeiro, “e así dispoñan de formación e facilidades para certificar o nivel B1 ou B2”.

No tocante á posta en marcha dos centros con Bacharelato de Excelencia en Idiomas, Feijóo precisou que os alumnos desta modalidade, ademais de recibir en inglés unha terceira parte das materias, terán formación extracurricular para mellorar as súas habilidades idiomáticas. “Así, os graduados en Bacharelato de Excelencia en Idiomas poderán certificar un nivel B2 ao rematar a etapa”, abundou.

Nesta mesma liña, avanzou que tamén se ofrecerá un plan de formación específico para que ata o 30% dos docentes poidan lograr unha certificación C1 nunha lingua estranxeira.

“En definitiva, estamos a falar dunha estratexia que consolidará unha Galicia plurilingüe: unha Galicia con mellores destrezas en idiomas; unha Galicia cuns equipos docentes con competencias lingüísticas avanzadas; unha Galicia que aposta polo plurilingüismo en todas as etapas educativas; e unha Galicia cunha Educación máis próxima á excelencia”, dixo.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou que con esta estratexia se beneficiarán 200.000 alumnos, o dobre que na actualidade. Así mesmo, insistiu en que se poñerán en marcha procedementos para certificar o nivel do alumnado dos centros plurilingües ao final de cada etapa, mediante EOI ou entidades estranxeiras.

O obxectivo, segundo explicou, é que o 30% dos estudantes de ESO certifiquen un nivel B1; e que o 30% dos que rematen o bacharelato de excelencia certifiquen un B2. “Isto é moi importante, porque supón superar incluso os requirimentos de idiomas que esixen certas universidades para titularse nun grao ou para acceder a másters”. Neste contexto, tamén fixo fincapé na extensión do plurilingüismo á universidade, coa posta en marcha de graos e másters en inglés.

Ademais, remarcou que para chegar a estes obxectivos o alumnado disporá de 18.000 prazas de formación en programas de inmersión lingüística; e o profesorado poderá ampliar os seus coñecementos en linguas estranxeiras a través dun plan de formación específico dotado con 18.000 prazas. Pola súa banda, salientou que as familia contarán cunha plataforma dixital de recursos coa que se busca a súa integración na iniciativa.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/06/2017