A Xunta establece a partir de mañá a veda da nécora e do santiaguiño
Santiago, 5 de xaneiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

A partir de mañá, 6 de xaneiro, pecha a campaña de captura da nécora e do santiaguiño. O calendario aprobado pola Xunta no Plan Xeral de Explotación Marisqueira do 2017 establece que a actividade de extracción da nécora estará pechada ata o día 2 de xullo e a do santiaguiño ata o 1 de outubro, datas nas que empezará a súa campaña extractiva.


O departamento que dirixe Rosa Quintana, persegue con esta medida técnica favorecer a reprodución e reducir o esforzo pesqueiro que soportan as poboacións destas especies na Comunidade Autónoma de Galicia.


Dende o 1 de xullo de 2016, día dende o que estivo autorizada a extracción da nécora, vendéronse nas lonxas galegas máis de 112 toneladas desta especie por un importe total de arredor 2 millóns de euros. No caso do santiaguiño, o período autorizado para a súa captura empezou o 1 de outubro do ano pasado e nesta etapa vendéronse en lonxa máis de 1.150 quilos desta especie por valor de case 74.000 euros.
 

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 05/01/2017