A Xunta informa en Camariñas dos laboratorios cooperativos no rural para impulsar a creación de empresas de economía social

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e a xerente da Fundación Centro Galego de Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, participaron hoxe nunha xornada para emprendedores

Explicaron as iniciativas da Xunta para xerar emprego por conta propia e a nova Estratexia Autónomo 2020

Os laboratorios permitirán identificar as oportunidades de negocio de cada comarca para despois crear empresas de economía social e incentivar a súa posta en marcha
 

  • whatsapp

Camariñas (A Coruña), 14 de xuño de 2017.- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e a xerente da Fundación Centro Galego de Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, participaron hoxe en Camariñas nunha xornada informativa para emprendedores onde expuxeron as ferramentas da Xunta para apoiar o emprego por conta propia e a nova Estratexia Autónomo 2020.

Toca destacou que a Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, porá en marcha no segundo semestre deste ano 6 laboratorios cooperativos no rural para impulsar a creación de empresas de economía social.

A iniciativa, que forma parte do Programa de formación e emprendemento no rural, está dirixida a persoas desempregadas con preferencia para os colectivos que máis o precisan como son as mulleres, os menores de 30 anos, as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e unidades familiares con todos os seus membros en paro.

A secretaria xeral de Emprego explicou que a través destes laboratorios, a Xunta ofrecerá asesoramento para impulsar o emprendemento a 120 alumnos (uns 20 por cada laboratorio) para a posta en marcha de novos negocios no eido da economía social, un sector que en Galicia aglutina a 7.000 entidades e 320.000 persoas.

En palabras de Toca, os laboratorios cooperativos no rural permitirán montar “unha planta de produción de proxectos cooperativos” en calquera zona do rural de Galicia facilitando a identificación de oportunidades de negocio asociadas aos recurso do territorio para, posteriormente, crear empresas de economía social e incentivar a súa posta en marcha.

Tras a fase da análise do potencial de implantación dun laboratorio, a convocatoria pública do programa e a selección de proxectos, levarase a cabo a identificación de oportunidades, a formación dos emprendedores, a aceleración dos seus proxectos e, por último, a súa consolidación. Das cooperativas que se creen ao final do proceso, polo menos unha por cada laboratorio, poderá optar a incentivos da Xunta para a súa constitución. O obxectivo é dinamizar a economía do rural galego e, polo tanto, fixar poboación.

Os laboratorios, polo tanto, ofrecerán asesoramento en creación de empresas e xestión de proxectos de economía social; formación no sector do proxecto que se quere lanzar; titorización sobre como elaborar a folla de ruta do plan de negocio; coaching de apoio en xestión de equipos; mentoring sobre oportunidades de negocio; asesoramento en mellora de procesos comerciais e apertura de novos mercados; comercialización e márketing; e apoio no acceso ao financiamento externo.

Autónomos
Nesta xornada, ademais, Toca informou sobre a nova Estratexia Autónomo 2020 que ten activa a Xunta. Está dotada con 40 millóns de euros ao ano para fortalecer ao sector e apoiar a máis de 10.000 traballadores.

A nova planificación inclúe entre as novidades a ampliación da tarifa plana de 50 euros do Estado, a posta en marcha do Bono Autónomo cunha contía de ata 3.000 euros para a consolidación da actividade, un programa de relevo xeracional para a continuidade dos negocios, a ampliación en 16 semanas adicionais da cota da Seguridade Social para conciliar da persoa contratada no caso de maternidade e paternidade ou a creación da Oficina do Autónomo, que actuará como xanela única onde os interesados poderán obter toda a información que precisen e consultar os trámites dos seus proxectos.

Toca sinalou que os autónomos son unha prioridade para o Goberno galego, un sector no que Galicia continúa sendo a comunidade con maior peso de España (1 de cada 4 afiliacións á Seguridade Social en Galicia é dun traballador autónomo).

Rede de aceleradoras
Outra das ferramentas para apoiar o emprendemento é a Rede galega de aceleradoras a través da que se desenvolveron, nos catro últimos anos, 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros.

Entre as aceleradoras postas en marcha destacan VíaGalicia, en coordinación coa Zona Franca, que tras desenvolverse en Lugo e Ourense, está na súa fase final con proxectos onde se presta especial atención á Industria 4.0; os coworking que se realizan en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI); colabórase tamén con Vodafone na iniciativa Connecting for Good Galicia; con Telefónica no programa Galicia Open Future; con PSA e Ceaga, na Business Factory Auto de Vigo; e, por último, están en marcha 6 novas aceleradoras centradas en proxectos de I+D+i apoiados desde o ámbito privado e a segunda edición de Agrobiotech, dirixida a potenciar o despegue das empresas innovadoras dos sectores da biotecnoloxía, agroalimentación e biomasa en fase de crecemento e a fortalecer o emprego tecnolóxico cualificado a través dun plan de traballo personalizado e práctico.
 

Data de actualización: 14/06/2017