Cooperativismo en movemento chega mañá a Chantada para difundir os valores e vantaxes deste modelo de negocio

A campaña de Economía, Emprego e Industria está a levar ás vilas galegas esta fórmula empresarial cunha exposición e a través do espectáculo de humor Salvar o cooperativista Adrián do monologuista Marcos Pereiro

As actividades terán lugar en Chantada na Praza do Cantón a partir das 21,00 horas

A iniciativa forma parte dos actos que a Xunta está celebrando con motivo do mes do cooperativismo en Galicia que rematarán o 1 de xullo cos Premios á Cooperación 2017

O 30 de xuño terá lugar unha xornada de portas abertas para que as cooperativas poidan mostrar o seu labor á cidadanía
 

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2017.- A campaña Cooperativismo en movemento, coa que a Xunta está levando ás vilas galegas as vantaxes deste modelo empresarial, chega mañá a Chantada (Lugo) con exposicións e o espectáculo de humor Salvar o cooperativista Adrián do monologuista Marcos Pereiro. A Praza do Cantón acollerá a partir das 21,00 horas esta iniciativa, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e que está enmarcada dentro da programación que se está desenvolvendo no mes previo ao Día do Cooperativismo Galego, que se celebrará o sábado 1 de xullo.

O actor e humorista galego Marcos Pereiro presentará o seu monólogo acompañado pola banda sonora en directo do pianista Cristian Leggiero. A través de diferentes elementos e recursos, combinados co seu particular humor, amosaranlle ao público asistente o que se pode chegar a facer cooperando cos demais e incluso cun mesmo. Ademais do espectáculo, tamén poderá visitarse unha exposición sobre o cooperativismo galego que se instalará na mesma praza. En caso de choiva colocarase unha carpa para que nada impida desfrutar da xornada.

Cooperativismo en movemento xa estivo en Foz, en Lugo, e percorrerá tamén as localidades de Pontevedra e Vilanova de Arousa, na provincia pontevedresa; Porto do Son, na coruñesa; e O Carballiño, na ourensá.

Outra das iniciativas que a Xunta está levando a cabo para celebrar o mes do cooperativismo é a entrega de premios do certame Cooperativismo no ensino, unha iniciativa na que resultaron galardoados o IES Pino Manso do Porriño (Pontevedra); o CEIP plurilingüe Domaio de Moaña (Pontevedra); o IES Sanxenxo de Portonovo (Pontevedra); o CPI Monte Caxado das Pontes (A Coruña); o CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros (Lugo); o IES Monte Neme de Carballo (A Coruña); e o CEIP Sestelo Baión, en Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Por último, o 30 de xuño, terá lugar unha xornada de portas abertas co obxectivo de que as cooperativas poidan mostrar o seu labor á cidadanía. Esta programación rematará o 1 de xullo coa celebración do Día do Cooperativismo en Galicia.
 

Data de actualización: 15/06/2017