Mañá comeza a veda da centola e do boi nas provincias da Coruña e Pontevedra

A prohibición de extracción deste crustáceo prolongarase ata o vindeiro 12 de novembro en ambas provincias

Na provincia de Lugo a veda iniciarase o día 1 de xullo e permanecerá ata o 3 de decembro
 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2017
  • whatsapp

A veda da centola e do boi na parte litoral que vai desde A Guarda ata Cabo Corrubedo (na provincia de Pontevedra) e de Cabo Corrubedo ata Cabo Estaca de Bares (na provincia da Coruña) comeza mañá e rematará o vindeiro 12 de novembro. Na zona comprendida entre Cabo Estaca de Bares ata o Río Eo, incluíndo a Ría do Barqueiro (na provincia de Lugo), a veda comezará o 1 de xullo, sábado, e rematará o vindeiro 3 de decembro.

Así o especifica a resolución pola que se aproba o plan de xestión destas especies para a campaña 2017-2018, que establece o período de veda para este ano nas provincias da Coruña e Pontevedra dende as 00:00 horas do sábado, 17 de xuño ata as 00:00 horas do domingo, 12 de novembro. Na provincia de Lugo a veda prolongarase das 00:00 horas do día 1 de xullo ata as 00:00 horas do domingo, 3 de decembro.

O período de veda significa que queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións con artes menores e con porto base na nosa comunidade e tamén para aquelas que, tendo porto base noutras comunidades, teñan permisos especiais de pesca para faenar en augas galegas.

A veda é unha das medidas que contribúe a aumentar a biomasa e a regular a pesquería da centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 16/06/2017