A Consellería do Mar remata as obras de reordenación dos fondeos en San Cibrao, Cervo

Portos de Galicia vén de investir 35.000 euros en melloras no peirao pesqueiro

Cervo (Lugo), 16 de xuño de 2017
  • whatsapp

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, vén de rematar as obras para a ordenación das embarcacións fondeadas no porto de San Cibrao, no municipio lugués de Cervo. Así o confirmou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita á zona.

A ordenación das embarcacións fondeadas realizouse a través da instalación dun tren de fondeos de 50 metros lineais. Esta dotación permite fixar o punto de fondeo das embarcacións que operan no porto de San Cibrao.

Durán Hermida explicou que Portos de Galicia destinou máis de 20.000 euros a esta actuación, que dá resposta ás necesidades plantexadas polos usuarios do porto e polo propio Concello de Cervo. Así mesmo, reseñou que a ordenación mediante este sistema permite maior operatividade e seguridade para as embarcacións fondeadas.

Finalmente, o presidente de Portos indicou que tamén se veñen de rematar os traballos de repavimentación de 430 metros cadrados da explanada do peirao pesqueiro. O novo pavimento será de formigón de 20 centímetros de espesor e o orzamento desta obra é de 15.000 euros.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 16/06/2017