O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu hoxe á celebración do XXIV Día da ONCE en Galicia
A Xunta subliña o compromiso da ONCE en prol da integración das persoas con discapacidade visual

O representante autonómico destacou a avanzada e completa rede integrada de servizos e prestacións que ten en funcionamento a ONCE, que permite cubrir as necesidades de desenvolvemento autónomo e de inclusión sociolaboral das persoas invidentes ou con graves problemas de visión

  • whatsapp

Padrón (A Coruña), 17 de xuño de 2017.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou a “longa traxectoria de compromiso e de éxitos” da ONCE en prol da defensa dos dereitos das persoas con discapacidade visual. Así o dixo na celebración do XXIV Día da ONCE en Galicia que tivo lugar no Hotel Scala de Padrón e durante a que se homenaxearon a 18 persoas que se xubilaron no último ano tras unha vida laboral de servizo na organización, así como a outra persoa que se vén de licenciar en Enxeñería Industrial.

Na súa intervención, Parrado sinalou que “a ONCE se ten convertido nun referente social e tamén nun sinónimo de ilusión”, ao tempo que fixo fincapé “na completa rede integrada de servizos e prestacións” coa que conta esta organización e que permite a cobertura das necesidades de desenvolvemento autónomo e de inclusión social e laboral das persoas invidentes ou con graves problemas de visión.

Ademais, o director xeral manifestou que a Xunta comparte coa ONCE o obxectivo común de “mellorar o benestar e a integración plena das persoas con discapacidade”. Neste sentido, avogou por seguir a intensificar as liñas de colaboración coas entidades, axentes e organizacións que forman parte do amplo tecido social de Galicia, coa finalidade de “abordar entre todos a situación das persoas con distintas capacidades desde a perspectiva da igualdade, a accesibilidade universal e a acción positiva”, concluíu.
 

Data de actualización: 17/06/2017