A Xunta destina 58.000 euros para a promoción do patrimonio cultural e histórico do mar de Galicia

As consellerías do Mar e de Cultura e Educación asinaron cadanseu convenio coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial-Culturmar para contribuír á celebración do encontro

Rosa Quintana destacou a importancia de levar a cabo este evento, que se converterá nunha oportunidade única para ver gran parte das tipoloxías da frota dos barcos tradicionais de Galicia

O secretario xeral de Cultura explicou que con esta colaboración contribúese a unha das manifestacións da cultura marítima máis singulares das que se levan a cabo no territorio peninsular

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través das consellerías do Mar e de Cultura e Educación, colaboran coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial-Culturmar para a promoción do patrimonio cultural e histórico do mar de Galicia. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta mañá en Santiago no acto de presentación do XIII Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia, no que se asinou a colaboración da Xunta co presidente da federación, Manuel García Sendón, por importe de 58.000 euros.

Os departamentos de Mar e de Cultura e Educación contribúen con 46.000 euros e con 12.000 euros, respectivamente, á celebración do evento, que terá lugar entre o 29 de xuño e o 2 de xullo na vila mariñeira de Combarro. Na presentación de hoxe tamén estiveron a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán.

Alí, a conselleira explicou que a través da sinatura do convenio, a maiores de colaborar co desenvolvemento do encontro de embarcacións tradicionais, a Xunta impulsa a posta en marcha doutras actividades de dinamización das embarcacións marítimas patrimoniais de Galicia.

A titular de Mar trasladou a importancia de levar a cabo encontros coma o que hoxe se presenta, que xuntará preto de 150 embarcacións que veñen navegando desde Francia, Escocia, Irlanda, Reino Unido, Croacia, Portugal, País Vasco, Cataluña e outros territorios do Mediterráneo. Así, Rosa Quintana destacou que “é unha oportunidade única para ver gran parte das tipoloxías da frota dos barcos tradicionais de Galicia e contemplar o espectáculo de ver todos estes barcos xuntos en travesía”.

Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asegurou que “con esta colaboración, contribuímos cunha das manifestacións da cultura marítima máis singulares das que se levan a cabo no territorio peninsular”, ao tempo que recordou o compromiso do Goberno galego, a través de diversas iniciativas, coa preservación e coa posta en valor do patrimonio vinculado ao medio mariño.

Ademais do labor que veñen impulsando centros de xestión autonómica como o Museo Massó de Bueu e o Museo do Mar de Galicia, a Consellería de Cultura publicou o pasado mes de maio a resolución de incoación do procedemento para declarar BIC as técnicas construtivas da carpintería de ribeira como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia. A creación dun órgano de xestión para as medidas de salvagarda destas técnicas tradicionais, dun censo de embarcacións tradicionais e de barcos históricos de Galicia, xunto coa inclusión das carpinterías de ribeira de especial interese no Censo do Patrimonio Cultural son algunhas das medidas que se promoven coa declaración de BIC.

O Encontro de embarcacións tradicionais


Na súa décimo terceira edición, este evento de carácter bienal organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial-Culturmar reúne representantes de diferentes rexións europeas e as súas embarcacións. Ademais, realízanse actividades como obradoiros, exposicións, coloquios, demostracións de danza e música tradicionais, entre outras actividades. Os visitantes que se acheguen poderán coñecer de preto as embarcacións.

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial-Culturmar, presidida por Manuel García Sendón, vén desenvolvendo, desde 1993, un labor constante a prol da salvagarda do patrimonio vinculado ao mar e aos ríos de Galicia. Galardoada co Premio da Cultura Galega Patrimonio Cultura en 2015, a federación desde os seus inicios, dedicou un importante traballo á recuperación de embarcacións e tipoloxías tradicionais e á realización de investigacións no patrimonio costeiro e marítimo.

A súa actividade de difusión máis destacada é a organización itinerante e bienal do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, festa da cultura marítima e fluvial, referente peninsular de encontro das embarcacións tradicionais tanto galegas como procedentes dos diversos portos europeos.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 17/06/2017