O presidente da Xunta rematou esta fin de semana a que é a primeira viaxe institucional dun presidente galego á República Popular China
Feijóo finaliza a viaxe a China con expectativas e oportunidades de negocio cunha das economías máis importantes do mundo

Destaca os encontros coas tres empresas máis importantes do país, desde o punto de vista do sector agroalimentario: co grupo COFCO, co grupo JD.com e coa compañía Shanghai Fisheries

"Visitamos tamén as instalacións da multinacional CITIC, dedicada ao sector da maquinaria pesada e á robotización”, engade, valorando o compromiso da compañía de seguir apostando e investindo en CITIC Censa

Incide en que, aínda que a candidatura de Galicia está presentada, haberá que esperar a que remate o ano para coñecer cal será o lugar seleccionado por CITIC para novos investimentos en Europa

Recorda que no mes de setembro empresarios chineses do sector da automoción virán a Galicia para coñecer o potencial do sector do automóbil galego, o CTAG e as empresas auxiliares

Galicia presentouse tamén como destino europeo histórico e gastronómico ante máis de 200 empresas chinesas e turoperadores
 

Shanghai (China), 17 de xuño de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, finalizou esta fin de semana a que é a primeira viaxe institucional dun presidente galego á República Popular China, con expectativas e oportunidades de negocio cunha das economías máis importantes do mundo.

A delegación galega, formada, ademais de polo presidente da Xunta, por preto de trinta empresas galegas, así como polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria; pola directora de Turismo de Galicia, e por diversos representantes diplomáticos, mantivo ao longo da semana numerosas reunións institucionais e de carácter comercial, que permitirán intensificar as relacións económicas e empresariais entre ambos os dous territorios.

Nesta liña, Feijóo destacou os encontros coas tres empresas máis importantes do país, desde o punto de vista do sector agroalimentario: co grupo COFCO, co grupo JD.com e coa compañía Shanghai Fisheries. "E visitamos tamén as instalacións da multinacional CITIC, dedicada ao sector da maquinaria pesada e á robotización”, engadiu, valorando o compromiso da compañía de seguir apostando e investindo en CITIC Censa, así como a decisión de realizar novos investimentos en Europa.

Sobre este último punto, o responsable do Goberno galego destacou que os directivos da compañía visitarán a Comunidade a finais de ano e incidiu en que, aínda que a candidatura de Galicia está presentada, haberá que esperar a que remate o ano para coñecer cal será o lugar seleccionado por CITIC para novos investimentos.

Así mesmo, recordou que no mes de setembro varios empresarios chineses do sector da automoción virán a Galicia para coñecer de primeira man o potencial do sector do automóbil galego, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia e a competitividade das empresas auxiliares.

A Comunidade galega tivo ocasión de presentar tamén os seus atractivos turísticos e gastronómicos a máis de 200 empresas chinesas e turoperadores, a través dun acto que tivo lugar no Instituto Cervantes de Pekín e do Evento Gastronómico de Galicia-Extravaganza. Dous actos nos que se puxeron de manifesto as capacidades turísticas de Galicia como destino europeo histórico e gastronómico.

“En definitiva, rematamos unha viaxe centrada nas relacións institucionais e nos sectores agroalimentario, industrial e no sector gastronómico e turístico”, concluíu.
 

Sons relacionados
  • Audio do presidente da Xunta na súa viaxe a China
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/06/2017