Rosa Quintana visitou Astilleiros Catoira en Rianxo, onde se asinou un convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari)
A Xunta colabora con Agalcari na dinamización e impulso da construción de embarcacións de madeira

A Consellería do Mar apoia con 28.000 euros á asociación para o desenvolvemento de actividades destinadas a promover o dinamismo e a innovación no sector da carpintería de ribeira

Rosa Quintana destacou a importancia do asociacionismo para potenciar o patrimonio, a innovación, a cultura e o alto valor ecolóxico que definen esta actividade e puxo como exemplo o labor de Agalcari
 

Rianxo (A Coruña), 19 de xuño de 2017
  • whatsapp

A Consellería do Mar asinou hoxe un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) para a realización de distintas actividades de dinamización e fomento da construción de embarcacións de madeira. Foi esta mañá durante unha visita da conselleira do Mar, Rosa Quintana, ás instalacións de Astilleros Catoira, en Rianxo, na que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

A esta colaboración a Consellería do Mar destina 28.000 euros e a través dela apoiará a Agalcari na organización de diferentes eventos promocionais da carpintería de ribeira como seminarios e congresos. Tamén na realización de estudos e na edición de publicacións sobre esta actividade e na adquisición de equipamento necesario para o funcionamento da asociación ou a realización das actividades. A vixencia desta colaboración é ata o 30 de decembro de 2017.

Segundo sinalou Rosa Quintana, o obxectivo deste apoio é promover o dinamismo e a innovación no sector, así como manter viva a tradición da construción de embarcacións en madeira. Uns cometidos, subliñou, para os que é clave o asociacionismo e puxo como exemplo o labor de Agalcari e dos seus 16 asociados, entre eles Astilleiros Catoira, que encarnan o patrimonio, a innovación, a cultura e o alto valor ecolóxico que definen á carpintería de ribeira.

Ademais a conselleira do Mar engadiu que o apoio da Xunta a esta actividade tamén se ve reflectido no apoio a Agalcari na elaboración do Plan Estratéxico da Carpintería de Ribeira 2014-2018. Outra acción foi o Plan de mellora de infraestruturas de estaleiros tradicionais realizado no marco do proxecto europeo Dorna, xa finalizado. Este proxecto estaba enmarcado no Programa Espacio Atlántico e financiado pola Comisión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro período de programación 2007-2013. Isto demostra, subliñou a titular de Mar, a aposta da Consellería pola construción de barcos de madeira, por tradición, adaptabilidade ao medio e valor ambiental pola súa menor pegada de carbono.

Agalcari
A Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) está formada por 16 empresas de construción naval en madeira e está presidida por Ramón Collazo, de Astilleros Catoira, unha das empresas asociadas. Ten como misión a dinamización económica e produtiva da construción naval en madeira e das súas empresas, o recoñecemento social da actividade e a protección e preservación do seu valor como parte viva do patrimonio marítimo, cultural e etnográfico.

Ofrece aos seus asociados servizos de asesoramento sobre a normativa que lles afecta, de tramitación de de expedientes e subvencións e de organización de conferencias sobre temáticas relacionadas coa carpintería de ribeira. Tamén a participación en diversos proxectos a nivel europeo e a colaboración con diversas entidades para implementar estratexias de recuperación, conservación e divulgación do patrimonio marítimo galego.

 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 19/06/2017