Preto de corenta emprendedores impulsan os 22 proxectos que comezan mañá a súa aceleración no coworking de Santiago

Os participantes nesta aceleradora especializada nas industrias culturais impulsada pola Xunta e a EOI contarán con asesoramento especializado e titoría personalizada no espazo habilitado na Cidade da Cultura

Os promotores dos 21 proxectos desenvolvidos na primeira edición deste espazo coworking apostaron por actividades baseadas nas TIC para empresas de artesanía, de educación, de música, ou do sector pesqueiro, entre outras
 

Santiago de Compostela (A Coruña) 19 de xuño de 2017
  • whatsapp

Un total de 38 emprendedores están convocados para iniciar mañá, na Cidade da Cultura, as actividades de formación, asesoramento e titoría personalizada para acelerar a posta en marcha de 22 novos proxectos empresariais no ámbito das industrias culturais.

Os participantes seleccionados ao abeiro da segunda convocatoria dos espazos coworking impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI), poderán acceder a formación específica a contarán con titores axeitados ás peculiaridades dos seu proxectos para acelerar a súa posta en marcha.

Os emprendedores que desenvolveron os 21 proxectos que remataron o proceso no marco da primeira convocatoria, desenvolvida no espazo para o emprendemento cedido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, apostaron por actividades baseadas nas TIC para impulsar empresas centradas en ámbitos como a artesanía, a educación, a música, o turismo ou a comunicación para o sector pesqueiro, entre outras.

Tamén na segunda edición que agora comeza, os proxectos a apoiar en Santiago están orientados á creación de empresas pertencentes ás industrias culturais e tecnolóxicas: iniciativas impulsadas por deseñadores, ilustradores, profesionais da comunicación, escritores-guionistas, editores, representantes e promotores artísticos, produtores, xestores culturais, programadores de aplicacións informáticas e proxectos culturais na internet, así como outros con vinculación en proxectos que fomenten innovación cultural e as novas tecnoloxías. Así, este espazo de traballo vén complementar o labor da aceleradora Galicia Open Future, dedicada en Santiago ao emprendemento tecnolóxico e no que a Xunta colabora con Telefónica.

No marco da actuación de aceleración de proxectos empresariais impulsada polo Igape e a EOI abren esta semana de novo espazos de emprendemento en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Monforte, Mondoñedo e Celanova, ademais de en Santiago. En cada unha destas sedes haberá outras dúas edicións que se desenvolverán o ano que vén, cada unha durante 5 meses, e que poderán acoller, en cada caso, entre un e tres emprendedores por cada un dos proxectos seleccionados para cada edición, un máximo de 22 por cada sede e convocatoria.

Deste modo, e ao abeiro deste marco de colaboración impulsado pola Xunta coa EOI e que conta co apoio do Fondo Social Europeo, os emprendedores galegos seguirán a dispoñer de diferentes servizos de formación, asesoramento e aceleración para os seus proxectos, así como de ferramentas e instrumentos financeiros de apoio para poñelos en marcha, aos que se poden acoller xa os emprendedores que remataron o seu período formativo.

O obxectivo dos espazos de emprendemento Igape-EOI é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando a probabilidade de éxito das ideas impulsadas polos novos empresarios e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.
 

Data de actualización: 19/06/2017