Xunta e Cruz Vermella asinan un convenio de colaboración para desenvolver un programa de actividades de acompañamento para a prevención e promoción da saúde en persoas maiores

O acordo foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; e pola presidenta autonómica de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro Rojo

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e a presidenta autonómica de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro Rojo, asinaron hoxe pola mañá, no Edificio Administrativo de San Lázaro, un convenio de colaboración entre ámbalas dúas institucións, para desenvolver un programa de actividades de acompañamento destinado á prevención e promoción da saúde en persoas maiores.

O devandito programa prevé a realización de: visitas mensuais ao domicilio das persoas maiores para ofrecer información; consellos de alimentación e exercicio físico; e toma de biomedidas como reforzo aos consellos. Tamén faranse charlas informativas sobre hábitos saudables en centros da Cruz Vermella; actividades de ocio saudable; e teleservizos tales como chamadas (acompañamento, información e consellos saudables e adherencia ao tratamento con recordatorios e seguimento de citas médicas, apoio e xestión na solicitude de citas, e recordatorios de toma de medicación).

Destinatarios
Serán destinatarias da asistencia prevista no convenio hoxe asinado, aquelas persoas de máis de 64 anos seleccionadas en función da seguinte priorización: persoas maiores de 64 anos con indicadores sociais de risco (vivir solo, escasa rede relacional, residir en zona afastada xeograficamente); persoas maiores de 64 anos sen indicadores sociais de risco que poidan beneficiarse do programa por calquera das seguintes causas: ter hábitos de saúde inadecuados, ter un seguimento inadecuado da pauta médica, ter dificultades de accesibilidade ao centro de saúde e poder beneficiarse do apoio do programa como reforzo.

O Servizo Galego de Saúde, por medio dos seus profesionais dos centros de atención primaria (persoal de enfermería, medicina e traballo social), realizará a selección das persoas maiores que van participar no programa de apoio.

No sinatura estiveron presentes, así mesmo, o xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa; o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas; e o coordinador autonómico de Cruz Vermella, Joaquín Varela Rivera.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 19/06/2017