A formación dos 25 emprendedores seleccionados na segunda edición do coworking de Monforte comeza mañá en Expolemos

Os promotores contarán con asesoramento especializado e titoría personalizada para os 20 proxectos presentados

Na pasada edición participaron nesta aceleradora de empresas 18 emprendedores con 16 proxectos desenvolvidos

Esta iniciativa forma parte da Rede Galega de Aceleradoras da Xunta a través da que se desenvolveron nos últimos catro anos 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros
 

Monforte (Lugo), 19 de xuño de 2017
  • whatsapp

Os 25 emprendedores, que impulsan os 20 proxectos seleccionados para participar na segunda edición do espazo coworking de Monforte, comezan mañá, no espazo cedido polo Concello en Expolemos, as sesións de formación e asesoramento.

Esta iniciativa para promover o emprendemento innovador e dinamizar a economía e a creación de emprego no ámbito rural está impulsada pola Xunta, a través do Igape, en colaboración da Fundación Escuela de Organización Industrial (EOI) e conta co apoio do Fondo Social Europeo.

Na primeira edición, o espazo coworking de Monforte contou cun total de 16 proxectos desenvolvidos por 18 emprendedores. Os participantes recibiron o asesoramento preciso para realizar o seu proxecto coa maior garantía de éxito. Entre as ideas de negocio desenvolvidas destacaron plataformas dixitais nos eidos do turismo ou a ecoloxía, a comercialización de xeito novidoso de produtos ecolóxicos, o fomento de produtos alimenticios naturais da comarca ou a oferta de novos servizos turísticos personalizados e adaptados ao medio.

No marco da convocatoria que agora comeza a desenvolverse haberá, ademais de en Monforte, espazos de emprendemento abertos en Ferrol, Cabana de Bergantiños, Mondoñedo, Celanova e Santiago de Compostela. En total, 164 emprendedores impulsarán o desenvolvemento de 125 novos proxectos empresariais.

En cada unha destas sedes ao servizo do emprendemento haberá o próximo ano outras dúas edicións que se desenvolverán durante 5 meses cada unha. As aceleradoras poderán formar e titorizar, en cada caso, entre un e tres emprendedores por cada un dos proxectos seleccionados para cada edición, un máximo de 22 por cada sede e convocatoria.

Os espazos coworking forman parte da Rede Galega de Aceleradoras impulsada pola Xunta, que xoga un papel clave transformando iniciativas innovadoras en empresas. A través da mesma desenvolvéronse, nos catro últimos anos, 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros en espazos como Agrobiotech en Lugo e Ourense; Vía Lugo en colaboración con Zona Franca, como parte de VíaGalicia; Business Factory Auto en Vigo; ou Galicia Open Future con Telefónica e Connecting for good Galicia, xunto con Vodafone, en Santiago.

 

Data de actualización: 19/06/2017