O titular do Goberno galego mantivo este mediodía unha reunión co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García
Feijóo acorda co presidente da Fegamp impulsar unha lei autonómica para blindar a cooperación local

Valora tamén a necesidade de establecer un Pacto da auga, “xa que, do mesmo xeito que existe Sogama , temos que buscar un sistema para que o abastecemento, o saneamento e a depuración das augas se faga de forma correcta, homoxénea e leal entre a Xunta e os concellos”

Traslada á Fegamp a disposición da Xunta no ámbito urbanístico; “a disposición da Administración autonómica de responder ao encargo de calquera concello de menos de 5.000 habitantes para elaborar o seu plan xeral”, di

Agradece a Alfredo García que estea de acordo coa fusión voluntaria dos municipios e lembra que tamén hai outro procedemento: a cooperación entre municipios e a asunción de servizos a través das deputacións

Avoga pola política útil para resolver os problemas dos galegos “vivan onde vivan”

Lembra que nos últimos oito anos, e a pesar da recesión económica, a Xunta non baixou a súa achega ao Fondo de Cooperación Local

No eido das emerxencias, subliña a vontade do Goberno galego de seguir colaborando pero a través dun protocolo de cooperación

Destaca o éxito da Axenda Social Única grazas ao traballo conxunto entre a sociedade civil, a Administración local e a Administración autonómica

No eido sanitario garante o compromiso de asumir a xestión de 29 centros de saúde máis por parte do Sergas, que se sumarán aos 52 asumidos nos últimos anos. “E inauguraremos sete novos centros de saúde”, afirma

Santiago, 9 de xaneiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acordou hoxe co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) impulsar unha lei autonómica para blindar a cooperación local. Se ben ambos os dous recoñeceron que para levala a cabo é necesario unha nova lei básica do Goberno e a Administración local, competencia exclusiva do Estado, Feijóo e Alfredo García coincidiron, durante unha xuntanza mantida este mediodía, na necesidade de que dentro dese novo texto haxa un capítulo especial para a cooperación municipal.

Logo da reunión, Feijóo valorou tamén a coincidencia na necesidade de establecer un Pacto da auga, “xa que do mesmo xeito que existe Sogama temos que buscar un sistema para que o abastecemento, o saneamento e a depuración das augas se faga de forma correcta, homoxénea e leal entre a Xunta e os concellos”, dixo, consciente de que aínda que o abastecemento e o saneamento son competencia exclusiva dos municipios, hai moitos que non teñen capacidade financeira para levalos a cabo.

Diante desta situación, o responsable autonómico precisou que o obxectivo é axudar aos concellos a levar a cabo as obras e, posteriormente, sexan eles quen, a través das súas taxas públicas, teñan a responsabilidade do seu mantemento.

Así mesmo, Feijóo trasladou ao presidente da Fegamp a disposición da Xunta no ámbito urbanístico; “a disposición da Administración autonómica de responder ao encargo de calquera concello de menos de 5.000 habitantes para elaborar o seu plan xeral”.

Unha reunión produtiva, con axenda e contido


Logo de cualificar a reunión de “moi produtiva”, o titular do Goberno galego garantiu o compromiso de seguir traballando: “Temos axenda e temos contido. Imos blindar a cooperación local por lei; imos facer un Pacto da auga; imos seguir transferindo os centros de saúde á Comunidade; temos que facer unha peza separada nos gastos de todos os centros educativos con cargo ao orzamento da Comunidade e temos que traballar no ámbito da ordenación urbanística e para mellorar a demarcación municipal”, aseverou.

Sobre este punto, agradeceu á Fegamp que estea de acordo coas fusións voluntarias dos municipios, lembrando tamén que xunto á fusión voluntaria dos concellos hai outro procedemento que é a cooperación entre municipios e a asunción de servizos a través das deputacións; “algo que imos implementar e apoiar como fixemos ata agora para ter concellos viables, saneados e fortes”, dixo, insistindo en que “cooperación é a palabra clave nesta axenda que abrimos”.

Resolver os problemas dos galegos “vivan onde vivan”


“O obxectivo é establecer un marco de referencia para actuar nos servizos, que estes funcionen e que Galicia sexa unha Comunidade onde a política sexa útil. E a política útil é aquela que resolve os problemas das persoas. Ese é o obxectivo da xuntanza de hoxe, intentar resolver os problemas dos galegos vivan onde vivan. A política útil consiste na cooperación entre as administracións públicas e niso imos seguir: cooperando cos e desde os concellos, coa Xunta e desde a Xunta”, abundou, engadindo que esta xuntanza abre unha serie de reunións sectoriais coas consellerías e coa Vicepresidencia.

Nese compromiso, Feijóo lembrou a implicación da Xunta que, nos últimos oito anos e a pesar da recesión económica, non baixou a súa achega ao Fondo de Cooperación Local.

Outro dos temas abordados na reunión foi tamén a xestión das emerxencias; un eido no que se ben a competencia corresponde aos concellos e ás deputacións, o Goberno autonómico financia algo máis do 50% do seu custo.

Ao respecto, o titular da Xunta subliñou a vontade do Goberno galego de seguir colaborando pero a través dun protocolo de cooperación. Non en van, os orzamentos para este ano xa recollen a posta en marcha do Plan Emerxe; unha iniciativa que garantirá a coordinación e colaboración dos distintos servizos que entran en funcionamento en caso de emerxencia, reforzando entre outros aspectos as asociacións de voluntarios e os GES.

En relación á convocatoria de prazas da Policía Local, o titular da Xunta destacou a disposición do Goberno galego a autorizar unha convocatoria única das vacantes. “Estamos a expensas de que cada concello diga as prazas que quere sacar e nos faríamos a convocatoria a través da AGASP, co mesmo temario, coas mesmas instalacións, coa mesma formación...”, precisou.

Logo de cumprirse sete meses da posta en marcha da Axenda Social Única -asinada coas ONG e co presidente da Fegamp-, Feijóo aproveitou a comparecencia para destacar o seu éxito. “A Axenda Social Única de Galicia está funcionando e converteu Galicia na primeira comunidade que ten un tícket eléctrico para as familias con dificultades, que ten axudas para evitar cortes de luz e axudas para evitar cortes de gas. Temos unha liña de subvencións para concellos que están mellorando os centros de emerxencia e inclusión social e temos medidas de apoio a persoas con alto risco de perder o seu fogar a través do Bono Alugueiro, do Bono Social e dos programas de vivendas baleiras”, explicou insistindo en que se estas iniciativas son un éxito é polo traballo conxunto entre a sociedade civil, a administración local e a administración autonómica.

O titular da Xunta aproveitou o encontro para trasladar á Fegamp a preocupación por que algúns concellos non estean integrados na axenda coa intensidade que merece e moi especialmente no programa de vivendas baleiras.

Por último, no eido sanitario, Feijóo garantiu o compromiso de asumir a xestión de 29 centros de saúde máis por parte do Sergas, que se sumarán aos 52 asumidos nos últimos anos. “E inauguraremos sete novos centros de saúde”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/01/2017