A Xunta consolida o seu apoio a Autismo de Galicia coa finalidade de seguir superando barreiras en prol da inclusión

O responsable da área social do Goberno autonómico considerou fundamental “acadar unha mellor comprensión do autismo para actuar na eliminación daquelas eivas que impiden a plena integración e participación destas persoas en todos os ámbitos”

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe no seu despacho de San Caetano un encontro con responsables de Autismo Galicia, federación que aglutina a once entidades que prestan servizos nas catro provincias da comunidade. Esta xuntanza forma parte do diálogo continuo que Rey Varela mantén coas entidades, organizacións e axentes que forman parte do amplo tecido social de Galicia e serviu para poñer ao día as liñas de colaboración que a Xunta ten coa devandita federación.

O conselleiro indicou que pese aos avances que se teñen producido na atención e inclusión das persoas con autismo “temos aínda complexos e barreiras que superar”. Ao respecto, considerou que “é fundamental que, como sociedade, academos unha mellor comprensión do autismo para actuar na eliminación daquelas eivas que impiden a plena integración e participación destas persoas en todos os ámbitos”.

Nesta liña, Rey Varela sinalou que para seguir mellorando a calidade de vida das persoas autistas “cómpre que a Xunta e as entidades que actúan neste campo sigamos remando xuntas na mesma dirección”.

Así, a Consellería de Política Social consolida en 2017 o convenio de colaboración con Autismo Galicia ao que destina a mesma contía que no exercicio anterior: 155.044 euros. Esta cantidade significa que se mantén o incremento superior ao 20% con respecto ao acordo da anualidade de 2015.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/06/2017