A Policía Autonómica leva a cabo 107 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores

Entre o 12 e o 18 de xuño, realizáronse inspeccións en 14 concellos galegos, levantáronse 33 actas de infracción e foron identificadas 67 persoas

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2017
  • whatsapp

Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo durante a pasada semana un total de 107 inspeccións de control, nun total de 24 dispositivos en 14 concellos galegos.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, nesta pasada semana realizáronse 24 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, Brión, Cambre, Lalín, Lugo, Muxía, Oroso, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Santiago, Sanxenxo, Sarria e Vigo.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron levantadas 33 actas de infraccións: 32 por infracción á Lei 11/2010 e 1 acta de infracción por consumo de tabaco no interior dun establecemento. Foron identificadas 67 persoas e inspeccionadas 107 zonas de ocio, locais e centros comerciais.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcohol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.