Nava Castro salienta a importancia da sinalización dos recursos para o desenvolvemento turístico do medio rural

A directora de Turismo de Galicia visitou hoxe as obras para sinalizar os elementos patrimoniais do concello de Mos

Esta actuación está incluída nunha liña de axudas para toda Galicia, dotada o ano pasado con máis de 1,3 millóns de euros

Con esta iniciativa foron beneficiados 82 concellos galegos

  • whatsapp whatsapp

Mos (Pontevedra), 9 de xaneiro de 2017.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou a importancia da sinalización dos recursos culturais e naturais para o desenvolvemento turístico do medio rural galego, na visita que fixo ao concello de Mos para inspeccionar as obras de instalación de sinais indicadoras de acceso e situación dos elementos patrimoniais deste municipio.

A directora de Turismo de Galicia, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, lembrou que esta mellora na sinalización dos recursos turísticos deste concello pontevedrés foi posible grazas a unha liña de axudas que ao longo de 2016 puido beneficiar a 82 concellos galegos.

“Traballamos pola potenciación do turismo como un factor de crecemento económico e un instrumento de reequilibrio territorial” –manifestou Nava Castro-, e neste sentido, “o turismo é un sector fundamental no desenvolvemento de moitas zonas rurais para crear emprego e atraer visitantes que fagan gasto no destino”, engadiu.

Recursos accesibles


A directora de Turismo de Galicia explicou que o departamento que dirixe leva anos convocando unha liña de subvencións para a sinalización e accesibilidade dos recursos turísticos no medio rural e que no ano 2016 contou con máis de 1,3 millóns de euros.

Segundo manifestou Nava Castro, “o obxectivo é dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización axeitadas para que este sexa un recurso turístico accesible para todos”.

Mediante estas subvencións, apuntou a directora de Turismo de Galicia, “queremos consolidar a oferta turística nas zonas rurais poñendo en valor a súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”.

Así, con este propósito, as axudas convocadas en 2016 estiveron dirixidas a efectuar actuacións de mellora da sinalización e da accesibilidade en determinados recursos turísticos como sendeiros homologados pola Federación Galega de Montañismo, rutas de Centros BTT, miradoiros, praias e bens de interese cultural.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/01/2017