O titular da Xunta presidiu a sinatura do convenio entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde, a Consellería de Política Social e a Fundación Francisco Luzón para impulsar a investigación sobre a esclerose lateral amiotrófica (ELA)
Galicia contará cun programa asistencial integrado da ELA para mellorar a atención sanitaria e social dos enfermos

Feijóo garante o compromiso para, xunto coa Fundación Luzón, darlle voz aos enfermos, promover xuntos actividades formativas relacionadas con esta enfermidade e prestarlles apoio

Subliña que se axilizarán as respostas sociosanitarias segundo as necesidades dos enfermos, impulsando as consultas de acto único en todos os centros sanitarios e simplificando todos os trámites administrativos

Avanza que a primeira reunión do comité de expertos, que se constitúe a raíz deste convenio, terá lugar a finais de xuño, “co obxectivo de traballar para que cando apareza un paciente con esta enfermidade todo o sistema saiba o que ten que facer, tanto no ámbito social como no sanitario”, incide

Agradece o labor desta fundación e o da Asociación Galega de ELA e expresa o convencemento de que co esforzo e o traballo conxunto se atopará unha solución para esta enfermidade

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a elaboración dun programa asistencial integrado da ELA para mellorar a calidade de vida dos pacientes.

Durante a sinatura do convenio entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde, a Consellería de Política Social e a Fundación Francisco Luzón para impulsar a investigación sobre a esclerose lateral amiotrófica (ELA), Feijóo aseverou que a redacción deste programa permitirá, coa colaboración dos profesionais sanitarios e as asociacións de pacientes, organizar a dobre asistencia que se necesita para afrontar esta enfermidade: tanto a sanitaria como a social.

Máis polo miúdo, Feijóo subliñou que, nun primeiro termo, se axilizarán as respostas sociosanitarias segundo as necesidades dos enfermos, impulsando as consultas de acto único en todos os centros sanitarios e simplificando todos os trámites administrativos.

Así mesmo, afirmou que coa sinatura do convenio entre a Xunta e a Fundación Francisco Luzón, o Goberno galego se compromete a promover a investigación sobre a ELA, “de xeito que aquelas persoas que a padezan no futuro, teñan máis facilidades que os enfermos que a padecen hoxe”, aseverou, ao que engadiu que a primeira reunión do comité de expertos, que se constitúe a raíz deste convenio, terá lugar a finais deste mes de xuño, “co obxectivo de traballar para que cando apareza un paciente con esta enfermidade todo o sistema saiba o que ten que facer, tanto no ámbito social como no sanitario”, incidiu.

O responsable da Administración autonómica aseverou que con este convenio o Goberno galego e a Fundación Luzón colaborarán para, en primeiro lugar, darlle voz aos enfermos, promover xuntos actividades formativas relacionadas con esta enfermidade e prestarlles apoio. “Traballaremos, en definitiva, para que deixe de ser unha enfermidade invisible”, aseverou.

O presidente da Xunta concluíu agradecendo o compromiso e o labor desta fundación así como o da Asociación Galega de ELA e expresou o convencemento de que, co esforzo e o traballo conxunto, se atopará unha solución para esta enfermidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/06/2017