Representantes da Consellería de Infraestruturas e Vivenda mantiveron esta tarde unha xuntanza sobre a reordenación do sector
A Xunta valora as achegas construtivas de Fegatravi ao Plan de transporte público de Galicia e a súa vontade de diálogo

A conselleira de Infraestruturas explicou esta tarde os beneficios da reordenación na comarca de Valdeorras, onde alcaldes e empresarios trasladaron o seu apoio polas melloras que implica para mobilidade rural

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2017.- A Xunta de Galicia valora positivamente a crítica construtiva da Federación de Empresarios de Transporte de Pasaxeiros (Fegatravi) ao novo Plan de ordenación do sector e agradece a súa disposición ao diálogo sobre o mesmo. Representantes da Consellería de Infraestruturas e Vivenda mantiveron esta tarde unha reunión co presidente de Fegatravi, Javier de Bidegaín, e o secretario, Fernando Míguez.

Os responsables de Fegatravi solicitaron que se analicen as alegacións presentadas en relación cos custos de explotación dos servizos, co obxecto de garantir que o Plan de transporte da Xunta poda representar unha oportunidade para garantir os servizos aos cidadáns, os empregos no sector e a viabilidade das empresas.

Pola súa banda, os membros da Administración aseguraron que actualmente se están a analizar todas as alegacións recibidas, co mesmo propósito e que as mesmas contribuirán a mellorar os anteproxectos presentados pola Administración.

O Plan elaborado polo Goberno galego supón unha reordenación do actual sistema de concesións de transporte naquelas zonas afectadas polas renuncias empresariais. As liñas de transporte agrúpanse nun total de 42 contratos comarcais economicamente viables que terán vixencia ata 2019.

A principal novidade deste sistema radica na integración das liñas de transporte escolar no marco xurídico do transporte regular, unha modalidade a efectos únicos de xestión, que blindando e reforzando a atención prioritaria das necesidades dos alumnos, permite multiplicar as posibilidades de mobilidade da poboación rural.

Entre as grandes vantaxes deste plan está o feito de que todas as liñas de transporte escolar que se integren no transporte regular en Galicia contarán cun monitor acompañante, situándose por riba das exixencias legais.

Ademais, a posta en marcha da primeira fase do novo Plan de transporte público de Galicia permitirá mellorar o funcionamento deste servizo en preto de 200 concellos galegos. Neles duplicarase o número de paradas de autobús xeral e 1,7 millóns de persoas terán unha parada a menos de 500 metros da súa casa.

Así mesmo, a conselleira de Infraestruturas explicou esta tarde os beneficios da reordenación na comarca de Valdeorras, onde alcaldes e empresarios trasladaron o seu apoio polas melloras que implica para mobilidade rural.

A Xunta mantén a disposición ao diálogo tanto con sindicatos como con empresarios do sector do transporte, co obxectivo de acadar o maior éxito, na imprescindible reordenación do transporte público de Galicia, afectada polas renuncias de algúns empresarios ás concesións, que se farán efectivas o vindeiro mes de agosto.

Na xornada de mañá, a Consellería de Infraestrututuras manterá novos encontros coas asociacións de Anpas co obxectivo de aclarar as súas dúbidas e preocupacións aoi respecto da reordenación do transporte.

Data de actualización: 19/06/2017