A Xunta destaca a transparencia como instrumento de mellora das administracións e aposta pola colaboración para estendela a todos os concellos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na inauguración do I Congreso Red Localis, “As entidades locais ante a transparencia e a innovación”

Recordou que o goberno galego está a poñer a disposición dos concellos os instrumentos precisos para axudarlles na execución destas políticas

Ourense, 20 de xuño de 2017
  • whatsapp

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou hoxe a transparencia como instrumento de mellora das Administracións e a aposta pola colaboración para estendela a todos os concellos.

Alfonso Rueda participou hoxe na inauguración do I Congreso Red Localis,“As entidades locais ante a transparencia e a innovación”, xunto ao presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; o director do grupo de investigación GEN, Santiago Lago; e a codirectora da Rede Localis, Concepción Campos.

A Xunta considera que a mellora continua da transparencia e da participación cidadá é un imperativo, xa que a cidadanía ten dereito a coñecer como funcionan as institucións e como se empregan os seus recursos. O Goberno galego puxo en marcha o pasado ano a Lei de Transparencia, que situou a Galicia na vangarda neste eido a nivel estatal, sendo a comunidade autónoma española que máis obrigas ten asumido a través da súa propia normativa.

Na pasada lexislatura, o Goberno galego deu comezo un programa de medidas nesta materia, comezando no ano 2010, coa posta en marcha da Plataforma de contratación de Galicia, onde se pode acceder aos datos e documentos sobre os diferentes procedementos de licitación. E outras medidas como a publicación do primeiro Código Ético Institucional, ou a publicación da declaración patrimonial dos membros do Goberno. Toda esta información está, ademais, dispoñible no novo Portal de transparencia e Goberno aberto, que unifica nun único punto os datos que se atopaban dispersos en distintas páxinas webs.

Colaboración específica cos entes locais

A Xunta colabora cos concellos mediante un convenio coa Fegamp e a Universidade de Vigo para impulsar a mellora da transparencia nas entidades locais galegas e poñendo en marcha medidas que faciliten e fomenten a cultura da transparencia entre os concellos para acadar unhas administracións e uns gobernos transparentes, eficaces e eficientes.

O goberno galego nesta aposta por axudar e orientar ao resto das administracións galegas no cumprimento das súas obrigas, ten habilitada unha plataforma web no portal de eido local, na que os municipios que o desexen poden facer pública a información directamente ou ben enlazar con outras plataformas que xa tiveran en marcha.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/06/2017