A Xunta fomenta a contratación de persoal cualificado e impulsa a innovación coa segunda edición do programa Principia

O Goberno galego destina máis dun millón de euros para a creación de 100 novos postos de traballo cualificados

O prazo para presentar as solicitudes manterase aberto desde hoxe ata o próximo 24 de xullo
 

Santiago de Compostela, 23 de xuño do 2017
  • whatsapp

A Xunta continúa coa súa aposta pola innovación e o fomento da contratación de persoal cualificado como modo de impulsar a I+D+i galega e, polo tanto, como xeito de mellorar a competitividade do tecido empresarial da comunidade, cunha nova convocatoria do programa Principia.

Trátase dunha iniciativa orientada á apoiar a contratación de tecnólogos para realizar actividades de I+D+i co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal cualificado. Para conseguilo, o Goberno galego destinará máis dun millón de euros cos que se agarda a creación de 100 novos postos de traballo en empresas e organismos de investigación galegos ou con centros na comunidade.

O prazo para que estas entidades interesadas entreguen as súas solicitudes, tras a publicación onte da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), comeza hoxe e manterase aberto ata o vindeiro 24 de xullo. As empresas e organismos beneficiarios, recibirán axudas de 10.000 euros por contrato e poderán solicitar ata un máximo de 10 axudas por entidade.

Nesta segunda edición, as principais novidades pasan pola inclusión dos titulados de FP superior ou equivalente e a ampliación da experiencia previa permitida -desde os 12 meses da primeira convocatoria aos 36 meses desta-. Ademais, primarase a contratación indefinida, e apostarase por mellorar as condicións salariais, por unha maior simplificación nos trámites e por aportar máis flexibilidade. As actividades de innovación que realicen as persoas contratadas nestes centros de traballo que obteñan apoios estarán aliñadas cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente RIS3.

Este programa enmárcase na aposta que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a realizar no ámbito do fomento da innovación e do talento como elementos clave para modernizar o tecido empresarial e industrial galego para, deste xeito, mellorar a súa competitividade.


 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/06/2017