A Xunta financiará a contratación de 112 socorristas para as praias e piscinas dos 40 concellos da provincia de Lugo que o solicitaron

A administración autonómica investirá 343.000 euros en garantir a seguridade dos usuarios das zonas de baño durante o verán

A comarca da Mariña asume 81 profesionais, 75 deles para vixiar os arenais
 

Lugo, 23 de xuño de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitará a contratación de 112 socorristas que velarán durante o verán pola seguridade nas praias e piscinas dos 40 concellos da provincia que solicitaron este servizo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que este ano súmanse dous concellos máis e tamén medra o financiamento en preto dun 2,5% ata situarse nos 343.000 euros.

En canto aos prazos, sinalou que hoxe mesmo se librará unha primeira partida de máis de 246.000 euros para axilizar os pagos aos primeiros 13 concellos beneficiarios, entre eles todos os da costa; nos vindeiros días completaranse todos os expedientes. Ao respecto, cabe lembrar que a consellería autorizou a contratación anticipada de socorristas a todos os concellos que llo solicitaron para que puideran avanzar a tramitación.

A comarca da Mariña concentra a maioría das axudas; en conxunto, contratará con apoio da Consellería de Economía a 81 profesionais, 75 deles para vixiar as praias e o resto para piscinas.

Balseiro destacou que este programa de axudas “é especialmente importante para os municipios costeiros, xa que lles permite contratar a persoal suficiente para ofrecer un axeitado servizo de vixilancia e salvamento nas praias durante a tempada alta, que sería moi gravoso asumir cos seus propios medios”.

“En todo caso -engadiu- hai outros 32 concellos que tamén se benefician desta iniciativa e reciben financiamento para atender as piscinas municipais ou praias fluviais durante o verán”.

Estas axudas para a contratación de persoal de socorrismo enmárcanse na liña de cooperación administrativa entre a Xunta de Galicia e as administracións locais. A consellería sufraga a totalidade dos custos laborais dos socorristas durante os meses de xullo e agosto, e os concellos realizan as xestións de selección de persoal e contratación.

 

 

Data de actualización: 23/06/2017