A Xunta de Galicia destina preto de 1,1 millóns de euros a fomentar a promoción da igualdade nos concellos de Pontevedra

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, informou hoxe en Vigo da resolución das axudas para programas de fomento da conciliación, prevención da violencia de xénero e apoio aos CIM

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, resaltou que dous concellos da área territorial, Vigo e Redondela, reciben subvención para as tres liñas de axudas chegando no caso da cidade olívica aos 67.000 euros
 

Vigo, 10 de xaneiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, destinará preto de 1,1 millóns de euros aos concellos da provincia de Pontevedra para fomentar a promoción da igualdade.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, informou hoxe en rolda de prensa da resolución das axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade 2016, que este ano, en toda Galicia, achegan máis de 3,3 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.

Coma explicou a secretaria, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, este tipo de axudas distribúense en tres liñas de actuación: programas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e apoio aos Centros de Información ás mulleres (CIM).

A liña de axudas para programas de fomento da conciliación engloba as medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras; como por exemplo os bancos de tempo. Neste senso, na provincia son beneficiarios un total de 8 concellos que recibirán preto de 83.000 euros. Vigo, Redondela, Ponteareas, Cerdedo, Sanxenxo, Valga, Cuntis e Silleda son os municipios que percibirán unha achega neste ámbito.

A segunda liña, a destinada á prevención e tratamento integral da violencia de xénero, inclúe accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e coas persoas dependentes das vítimas; así como actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución. Neste caso son 4 os concellos que reciben subvención chegando aos 22.000 euros. Vigo, Redondela, A Guarda e Vilagarcía de Arousa son os destinatarios.

Por último, o programa de apoio aos Centros de Información da Muller ten coma obxectivo reforzar a funcionalidade destes centros e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles. Este programa recibe a maior contía para apoiar a labor de 26 CIMs da provincia que, en total, recibirán case 990.000 euros. Ademais, e coma resaltou a secretaria xeral, neste caso se chegará a 37 concellos posto que moitos dos CIM solicitaron axudas con xestión compartida. A convocatoria deste ano, como vén sendo habitual, prima os proxectos de xestión compartida e priorizou todas aquelas solicitudes que foron presentadas por agrupacións de concellos e mancomunidades.

Así, nesta liña de axudas de apoio aos CIM, reciben subvención os concellos de Vigo, Redondela, Moaña, Cangas, Nigrán, Baiona, O Porriño, Gondomar, Soutomaior (que solicita xunto a Pazos de Borbén e Vilaboa), Lalín (de forma conxunta con Agolada e Rodeiro), Vilagarcía de Arousa, Poio, A Lama (con Cotobade e Fornelos de Montes), Marín, O Grove, Sanxenxo, Caldas de Reis (xunto a Barro e Portas), A Guarda, Silleda, Mancomunidade do Salnés (Cambados, Meis e Ribadumia), Valga (con Moraña), Pontevedra, Bueu, Ponte Caldelas, Ponteareas e A Estrada.

Coa resolución destas axudas, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende por en valor o papel relevante das entidades locais na difusión do valor da igualdade e transmitir a coordinación e colaboración existente entre as administracións autonómica e a local.

Para o Goberno galego as entidades locais son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, ao tratarse das administración máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica dos seus veciños e veciñas.

Por último, o delegado da Xunta en Vigo agradeceu á secretaria xeral que estivese hoxe na cidade para informar sobre estas axudas facendo especial fincapé en que dous concellos da área territorial, o de Vigo e o de Redondela, reciben subvención nas tres liñas de axuda sendo dos poucos concellos da provincia que se benefician dos tres programas. No caso de Vigo a axuda total chega aos 67.000 euros e, no de Redondela, 57.210 euros. Ademais, resaltou a importancia de difundir e fomentar a promoción da igualdade e a aposta da Xunta de Galicia para colaborar coas entidades locais neste ámbito.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/01/2017