Turismo de Galicia promove a oferta turística galega na feira Vakantiebeurs, o mercado máis importante de Holanda

A Xunta presenta desde hoxe o destino Galicia neste certame aberto tanto a profesionais como ao público final

Esta é a primeira feira internacional á que asiste Turismo de Galicia neste 2017, ano no que levará a oferta turística galega a un total de 46 feiras sectoriais

Os Países Baixos representaron preto dun 2,5% do turismo internacional de Galicia nos once primeiros meses de 2016

O ano pasado, un total de 3.658 peregrinos holandeses realizaron o Camiño de Santiago
 

Santiago, 10 de xaneiro de 2017
  • whatsapp

Turismo de Galicia inicia hoxe na cidade de Utrecht (Holanda) o programa de promoción internacional da oferta turística galega para o ano 2017 coa participación na feira Vakantiebeurs, o principal mercado turístico holandés.

Trátase dun certame de carácter xeralista aberto tanto ao público final como aos profesionais do sector, no que o departamento de Turismo da Xunta presentará os produtos turísticos galegos, sobre todo os relacionados coa natureza.

Nesta feira, os visitantes mostran un interese especial pola oferta relativa ao sendeirismo, o cicloturismo, a bicicleta de montaña e o Camiño de Santiago, así como polos espazos naturais e o turismo cultural.

Neste sentido, Turismo de Galicia presentará en Vakantiebeurs as distintas posibilidades para realizar o Camiño de Santiago na Comunidade galega, a rede de centros BTT, as rutas de sendeirismo e os espazos naturais, entre outros recursos turísticos galegos.

Esta é a primeira feira internacional a que asiste Turismo de Galicia neste 2017, ano no que levará a oferta turística galega a un total de 46 feiras sectoriais, cinco máis que o pasado ano.

Demanda holandesa

Polo que respecta á demanda turística holandesa, os Países Baixos, con máis de 44.000 pernotias, supuxeron o 2,5% da porcentaxe total da ocupación hoteleira internacional en Galicia ao longo dos once primeiros meses do ano 2016.

No tocante ao Camiño de Santiago, un total de 3.658 holandeses realizaron a Ruta xacobea e recibiron a Compostela o pasado ano 2016, un 4,48% máis que no ano 2015. Holanda ocupa o posto número catorce no ranking de países emisores de peregrinos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/01/2017