O conselleiro de Política Social reuniuse hoxe co alcalde de Cedeira, Diego Pablo Moreda Gil
Rey Varela continua en 2017 coa súa rolda de encontros cos rexedores galegos para impulsar novas vías de colaboración en materia social

Ambos mandatarios fixeron un repaso das actuacións realizadas pola Xunta de Galicia neste municipio coruñés e entre as que figuran o incremento do persoal do Plan Concertado

Ferrol, 10 de xaneiro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, Jose Manuel Rey Varela, asegurou esta mañá que “o diálogo, a colaboración e a coordinación entre administracións é o mellor xeito de garantir unhas políticas sociais que verdadeiramente redunden na mellora da calidade de vida dos galegos e galegas”. Rey Varela realizou estas declaracións logo de manter unha xuntanza na delegación territorial da Xunta de Galicia en Ferrol co alcalde do municipio coruñés de Cedeira, Diego Pablo Moreda Gil.

Esta reunión enmarcase na rolda de contactos cos rexedores e rexedoras de Galicia que está a manter o responsable da carteira autonómica de Política Social coa finalidade de coñecer de primeira man a situación e as necesidades que teñen neste ámbito os concellos galegos. Así mesmo tamén serviu para afianzar a cooperación emprendida entre as dúas institucións. No marco desta colaboración, o pasado verán a Consellería de Política Social levou a cabo melloras na aula de 1 a 2 anos da escola infantil, pertencente á Rede Galiña Azul, por un importe superior aos 15.000 euros.

Nesta liña, o dirixente autonómico e o local fixeron un repaso dos principais programas e infraestruturas en materia social que se están a desenvolver na localidade coruñesa. Deste xeito, o conselleiro lembrou que grazas ao incremento do Plan Concertado, o municipio disporá de 0,5 traballadores sociais máis; e que Cedeira conta con 2.976 horas mensuais de atención no Servizo de Atención á Dependencia.

Así mesmo, Rey Varela e Moreda Gil tamén abordaron a posibilidade de explorar novas vías de colaboración para a mellora da carteira de servizos sociais que existe na actualidade en Cedeira.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/01/2017